Percorreu durante dous anos os escenarios do país, e agora volve á cidade na que comezou a súa ruta. O poder do arcabuz, o cuarto espectáculo da compañía do músico de Radio Cos, Quique Peón Cía, regresa esta fin de semana ao Teatro Colón como despedida dunha xira que colleitou éxitos alá por onde pasou, e que terá as súas últimas funcións o sábado ás 21.00 e o domingo ás 19.00 horas. Construído xunto ao grupo de baile Xacarandaina, e baseado na danza tradicional galega, o musical traerá ao noso tempo os días da Revolta Irmandiña, revivida a través do montaxe máis grande creada ata o momento pola entidade.

Máis de 30 bailaríns, 24 músicos e 40 membros do coro participarán no espectáculo, un show "vitalista" envolto na "sensación de amar o teu", segundo o seu director Quique Peón, que conxuga baile, música e historia da terra. "Trátase dun proxecto apaixonante, con cen artistas en escena froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e danzas", explicaba onte na rolda de presentación o tamén autor e coreógrafo do musical, que recuperou para este traballo pasos de orixe medieval como as danzas de arcos, reis e cintas. "En Galicia temos danzas que facía cada gremio no Medievo, e que aínda se conservan en sitios como Betanzos ou O Morrazo. Eses movementos están presentes", afirma.

As coreografías de esta época mesturaranse cos "bailes de divertimento" máis tradicionais, como as muiñeiras e as ribeiranas. Sobre elas construíuse a fusión de música culta e contemporánea coa que Pedro Lamas dirixirá a banda sonora da trama do espectáculo, "a maior revolta do século XV en toda Europa", na que os irmandiños alzáronse contra os abusos dos nobres cunha forza de 80.000 persoas. "Estiveron gobernando 2 anos, ata que os nobres reuniron cartos e pagaron exércitos que se volveron facer con Galicia", explica Peón, que engade que con eles chegou o arcabuz. "Foi a primeira vez que se viu aquí. O nome do espectáculo é unha metáfora para falar do poder do diñeiro", conta.

A alusión aos cartos, comenta o director, é un dos vínculos da peza co mundo contemporáneo. Di Peón que a súa intención inicial era "falar do poder que as cousas teñen sobre un", ata que caeu nas súas mans un libro do historiador Carlos Barros sobre a Revolta Irmandiña. "Pareceume tan apaixonante que decidinme a facer este espectáculo", comenta o músico, que admite que atopa, entre as "varias lecturas" da peza, a mensaxe de "loitar por un mesmo". E iso foi precisamente o que tivo que facer a súa compañía para levar adiante o traballo. "Houbo que inverter moitos cartos e ninguén nos botou unha man. Foi duro", lembra Peón.

Coa súa compañía, o cantante de Radio Cos busca "falar do que nos rodea". Con ese obxectivo creou no 2009 a súa entidade, ademais de para impulsar unha profesionalización da danza que, oito anos despois, continúa a ser "unha materia pendente para as institucións públicas". "Non pode ser que non exista apoio institucional, a nosa grandeza é a orixinalidade da nosa cultura", afirma, e reclama que "toca axudarnos máis, en lugar de a outras danzas que se poden facer en calquera outro sitio do mundo".

As desenroladas en O poder do arcabuz xa teñen chegado, malia o arriscado da súa produción, a preto de 10.000 persoas. As que restan terán a súa derradeira oportunidade esta fin de semana, trala que Peón adentrarase de cheo na súa seguinte peza teatral. "Teño enriba da mesa varias cousas. Aínda non me podo decantar por ningunha, pero todas son fermosas", conclúe.