Luar na Lubre volve a súa cidade para celebrar as festas cun concerto especial de Nadal. O grupo galego, unha das bandas con maior proxección internacional, tocará este martes xunto a artistas convidados no teatro Rosalía, onde estará ás 20.30 horas como parte da súa xira 30 aniversario.

- Levan no escenario desde 1986, iso queda xa moi lonxe.

-É unha vida completa. 30 anos son moitos na música, e no folk máis aínda, porque é un estilo que non ten os apoios nin a opción de entrar nos medios como outros tipos de música. Case é unha fazaña heroica continuar. E sobre todo con enerxía, con ganas de seguir.

- Hai menos apoios agora que cando comezaron?

-Hoxe hai incluso menos. Cando comezamos non había ningún, despois houbo un tempo no que estas músicas tiveron certas axudas, o que pasa é que igual non se souberon xestionar. Nestes momentos, a piratería e a crise afectáronnos moito, estamos a pasar un momento delicado en xeral. O folk está nun mal momento, pero Luar na Lubre está vivindo un doce nesta xira de 30 aniversario.

- Xa está a concluír. Que se levan dela?

-A xira de 30 anos é volver a estar na primeira liña da música folk, demostrando que é perfectamente exportable. Á xente responde aos estímulos, polo menos do que nós facemos, e pretendemos que isto se recupere e que volva ter o estatus que tivo anos atrás.

- O tour acompáñano cun disco recopilatorio. Falan dos temas como "tesouros agochados".

-Son esas músicas que non tiveron tanta repercusión. Hai temas máis icónicos, pero o que quixemos neste dobre CD foi remarcar todas esas cancións que considerabamos que tiñan tanto valor como as outras, e ofrecerllas á xente.

- Inclúen a versión de O Son Do Ar , The song of the sun . Mike Oldfield non podía faltar na revisión da historia do grupo?

-Tiña que estar, aínda que é unha rareza neste disco, porque o tema é noso, pero os intérpretes son el e a súa banda. Oldfield foi un padriño moi importante dentro da nosa traxectoria, pero eu destaco sempre o labor que se fixo internamente en Luar na Lubre. A tenacidade de ofrecer cada dous anos un traballo consolidounos como banda. Hoxe non se venden discos, pero estamos enchendo teatros. O valor máis importante que ten Luar na Lubre na actualidade é a resposta popular.

- Tanto peso na cultura galega, síntese como unha responsabilidade?

-Nós sentímonos embaixadores dunha forma de facer música galega. A responsabilidade é non fallar ao respecto que nos ten a xente, e á nosa traxectoria.

- É máis complicado poñer en valor a música tradicional en Galicia que fóra?

-A día de hoxe si. O propio goberno galego é o que ten que facer que estas cousas teñan percorrido. En sitios como Cabo Verde ou Irlanda, a música acadou cotas inimaxinables gracias a que o goberno foi sensible cun movemento musical que podía levarse ao exterior para poñer a estes países no mundo. Aquí podíase facer o mesmo, pero non se está aproveitando a oportunidade. Estamos no mellor momento artístico da historia de Galicia e, paradoxicamente, é o peor en canto ás posibilidades que poidan ter os artistas para levar a cabo os seus proxectos.

- De que xeito terían que comprometerse as autoridades?

-Moitas veces, as propias institucións descoñecen o teu traballo e o que estás a facer. Tiña que haber apoios. Eu non digo subvencións, pero si tiña que haber un intercambio entre as institucións e toda esta xente que está facendo cultura.

- Pese as dificultades, vostedes están a preparar o seu seguinte disco. Teño entendido que estará vinculado á Ribeira Sacra.

-Si, é un disco conceptual sobre a Ribeira Sacra, fundamentalmente da parte ourensá, que ten máis protagonismos por varios motivos. Primeiro, porque eu son de alí [ri], igual que toda a miña familia. E segundo, porque a Deputación de Ourense implicouse neste traballo no momento no que lle comentamos. Entendemos que a Ribeira Sacra é un valor galego brutal, temos un lugar onde a natureza desborda e aínda está viva. E terra de afiadores, como o meu avó, e do home lobo. Todo isto vai estar presente no noso traballo. É moi importante resaltar todos estes valores que temos no país, e que son perfectamente exportables e recoñecibles se ti os das a coñecer.

- Nos seus plans entra tamén unha xira europea.

-A xira europea aínda está enmarcada no 30 aniversario. Imos estar en París, Bruxelas, Londres, Glasgow... Nós chamámoslle O camiño do norte, que é o título das nosas cancións. É un percorrido que facían os celtas, que chegaban a través do Atlántico. Ímolo facer a últimos de xaneiro. O novo disco sairá en abril e, a partir de alí, empezará a xira do novo traballo.