A compañía teatral Chévere e a Plataforma Representativa Estatal de Personas con Discapacidad Física de Galicia (Predif) danse a man esta tarde para a representación de Eroski paraíso, que repetirá función no Teatro Colón a partir das 20.00 horas. Tras colgar o cartel de entradas esgotadas onte no seu formato habitual, os artistas abrirán hoxe ao público unha versión deseñada para as persoas con diversidade funcional, que poderán acceder sen trabas ao retrato da emigración, a busca das raíces e a caída do Estado de Benestar coa que o grupo pecha a xira do seu 30 aniversario.

Para chegar a todo tipo de espectadores, a peza contará cunha posta en escena especial. Coa axuda de Predif, a compañía incluirá no teatro un espazo habilitado para os usuarios de cadeiras de rodas, así como un intérprete de lingua de signos, audiodescrición para transmitir o contexto da obra ás persoas cegas, e unha proxección de subtítulos destinada a aqueles que teñan problemas auditivos.

A inclusión dos subtítulos na peza é unha práctica habitual no teatro de Chévere, que escenifica Eroski paraíso mesturando galego e castelán tanto fora coma dentro de Galicia. Non o é, porén, levar a adaptación a todas as facetas da obra, como fará esta tarde na que o seu director, Xesús Ron, define como a primeira incursión da compañía no teatro accesible. "É a primeira vez que facemos unha función deste tipo. Gustaríanos mantela no futuro, pero para iso é indispensable a colaboración dos teatros e das administracións públicas que os xestionan", explica o líder de Chévere, que afirma que o propósito é "facer unha chamada de atención" e demostrar "que determinado número de funcións adaptadas é posible".

Trátase dunha idea que xa calou "nas grandes cidades" españolas, pero que esixe aínda un pulo na nosa comunidade. "En Galicia está cero desenrolado, e é un tema que podemos abordar. Forma parte das obrigacións das administracións públicas facer accesible a cultura a toda a poboación", declara Ron, que considera a de Chévere "o primeiro apoio serio a nivel de teatro profesional galego" a este tipo de representacións.

A peza coa que inician este camiño é, como o seu formato, especial. É a primeira obra que a compañía leva a escena desde que recibiu no 2014 o Premio Nacional de Teatro, un punto de inflexión tras o que decidiron "seguir coa mesma liña de facer o máis local" para contar "unha historia real con nome e apelidos". Neste caso, decidíronse por poñer a mirada en Muros, onde recolleron historiais reais sobre a sala de festas Paraíso, que pasou a ser un supermercado logo do seu peche en 1990. "Contamos como cambiou a sociedade desde ese momento ata agora. Nos 80 vivimos a entrada na democracia e en Europa. Fíxosenos a promesa de que íamos vivir nunha sociedade de benestar que veuse abaixo nos últimos 10 anos", di o director, que pensa que hoxe "se queres acceder a ese benestar tes que ter os cartos para pagalo".

A idea transmítese sobre as táboas co regreso á vila de Álex para gravar un documental sobre os seus pais, unha parella que se coñeceu en Paraíso, e que acabou "dando tombos" por España. "É un diálogo interxeracional, e a historia de migración da xente que agora ten 50 anos. Álex viviu toda a súa vida fora e, cando ten que ser adulta, trata de recuperar as súas raíces. Necesita saber de onde é, por iso volve a Muros", explica Ron, que porá, coa representación desta tarde, punto e final á xira dos 30 anos de Chévere.

Tras ela, a compañía "paralizará a súa actividade". O motivo é un encargo do Centro Dramático Galego para versionar as Divinas Palabras de Valle-Inclán, un proxecto que manterá ocupado ao núcleo artístico do grupo ate a súa estrea en abril de 2018.