Poñer en valor a cultura galega, e darlle a oportunidade aos máis pequenos de gozala coas súas cancións. Ese é o obxectivo que Paco Nogueiras persegue co seu Brinca vai! 2.0, o espectáculo musical co que estará esta tarde ás 18.30 horas no Centro Ágora. Baseado no libro-disco homónimo polo que o artista recibiu o Premio Martín Códax de Música Infantil, a peza ofrecerá ao máis pequenos un repaso polas festas da terra, que percorrerán acompañados de melodías, un chisco de teatro e o xa coñecido homiño do chapeu azul.

A diferencia do anterior show inspirado na obra - Brinca vai de aquí e acolá - a nova peza de Nogueiras contará cun compoñente audiovisual. As interpretacións do músico irán respaldadas cunha gran pantalla, na que se proxectarán animacións do ilustrador Sr. Sagüillo intercaladas coa imaxe do propio público, que poderá verse bailando as coreografías. "É un Brinca vai! máis ambicioso, con máis luz e colorido", explica o artista, que interactúa tanto cos nenos como coas ilustracións durante o espectáculo.

O músico compartirá escena coas animacións, pero os verdadeiros protagonistas serán o humor e as melodías. As haberá de todos os estilos, desde o reggae ata a música tradicional, un calidoscopio de ritmos cos que Nogueiras pasará por festexos como o magosto, o entroido ou o samaín. "O espectáculo ten o compoñente didáctico de elevar as nosas festas, a nosa cultura e a nosa lingua. Quere conseguir que os nenos poidan cantar en galego, e que poidan sentilo como algo propio e non alleo", di o músico, preocupado polas "invasións foráneas que están desprazando o que temos na casa".

Que se recorden figuras como O Apalpador, e que o Samaín non se converta de xeito definitivo en Halloween é o que intenta Brinca vai! 2.0. Conta o seu autor que a peza naceu da petición dos propios pais, que sentían un oco no material dispoñible para os nenos de cara ao acompañamento das festas. "Atopaban que había carencias, que non tiñan nada para apoiar o samaín. Pedíronme que fixera cancións, e tiveron unha aceptación moi grande", comenta Nogueiras, que sinala "o traballo desde a casa" como condición imprescindible para a recuperación da cultura galega.

A valoración que o músico fai dela non é moi boa. O artista califica de "abismal" a desaparición do galego nos centros, nos que, asegura, "non se cumpren os mínimos" da presenza desta lingua nas aulas. "Estase perdendo dun xeito impresionante, tanto no alumnado como no profesorado", afirma Nogueiras, lamentando que "cada vez" haxa "menos nenos que falen galego".

Brinca vai! 2.0 é un grao de area para loitar contra esa corrente.O fai desde a infancia, cun show co que os máis pequenos se animan a redescubrir a cultura e o idioma propios. "Houbo pais que me dixeron que as primeiras palabras en galego dos seus fillos foron con Brinca vai", énchese de orgullo o músico, que recomenda a peza para idades de entre 5 e 11 anos.

O mesmo público para a que se deseñou a obra, que leva xirando desde 2014, pode acudir agora a Radio Bulebule. Trátase da nova peza de Nogueiras, que monta con ela un programa radiofónico para a xente miúda. "A temática da radie resúltalles moi atractiva, porque é algo que non teñen moi trillado. Esperemos que teña a mesma vida que Brinca vai!", conclúe.