Foise hai máis de un cuarto de século, pero os seus versos seguen a refulxir. As verbas de Antón Avilés de Taramancos volverán soar este xoves no teatro Colón co recital O poeta é un cazador alucinado, que subirá as táboas a partir das 20.30 horas. O Grupo Ouriol, responsable de levalo a escena, complementará as palabras do afamado poeta noiés cun espectáculo multidisciplinar, que contará con música improvisada e proxeccións audiovisuais para cada un dos poemas.

A poeta Eva Veiga será quen faga súas as verbas de Avilés. A autora recitará unha escolla de arredor de vinte poemas, cos que o conxunto tratou de abranguer todas as publicacións do escritor. "Están representados todos os seus libros e etapas vitais. É un recital moi poderoso", explica a comunicadora, que falará sobre o escenario dos temas máis diversos.

"O nacemento, a infancia, o amor" e a propia morte son algúns dos asuntos que o noiés retratou coa súa pluma, e que Veiga agora rescatará para a súa actuación. A autora define ao protagonista do espectáculo como "un poeta da terra e do compromiso", que se caracterizou, ata o seu falecemento en marzo de 1992, pola forza da súa escritura. "O seu verso é como o cristal, pero coa fondura que lle da a experiencia. Fala desta terra como poucos o teñen feito", conta Veiga, que define ao poeta como "un peso fundamental" na poesía galega.

Os seus escritos, "unha estrela que aínda está a refulxir", estarán respaldados con música e proxeccións. Como todos os espectáculos da agrupación, o deste xoves contará coa interpretación de Bernardo Martínez á percusión e Fito Ares ao saxo e á frauta, que farán as súas improvisacións jazzísticas xunto co visionado das imaxes creadas por Alfonso Costa para o recital. "É unha unidade estética. Este xeito de facelo todo por primeira vez tennos nunha tensión que chega ao público e fai que forme parte do espectáculo. Aspiramos a esa respiración conxunta", comenta Veiga, que destaca, entre os elementos do recital, "a riqueza da lingua" de Avilés e a expresividade das imaxes de Costa.

O artista traduce en cores e formas abstractas cada un dos poemas do espectáculo, o máis especial dos feitos polo Grupo Ouriol para o ilustrador. "Costa foi amigo de Avilés. Tiveron unha gran colaboración, e unha gran amizade", comenta Veiga sobre o poeta, que se relacionou con artistas como Reimundo Patiño e Urbano Lugrís.

Con eles atopouse o autor na súa chegada á Coruña, unha cidade que, sinala Veiga, tivo unha importancia decisiva na súa obra. "Propiciou a súa poesía. Aquí se afianzou o seu talento e a súa paixón", asegura a poeta. Igual de fonda foi a pegada que o propio Avilés deixou no Grupo Ouriol. "Chámase así precisamente por Avilés. O ouriol é un paxaro que habita nos seus poemas", engade.

O nacemento do conxunto tivo lugar hai xa 17 anos, co obxectivo de comunicar o arte e facelo chegar a todos os públicos. Baixo a idea de que a poesía, ben traballada, gusta a todo o mundo, o conxunto ten levado a escenarios e institutos de toda España os versos dos grandes literatos, entre os que atoparanse, desde agora e con motivo do 25 aniversario da súa morte, os de Antón Avilés de Taramando.

Logo da súa estrea no Colón, O poeta é un cazador alucinado chegará ao municipio natal do autor en Noia. "Estarán a súa viúva, os seus fillos... Vai ser moi emocionante", afirma Veiga, que xa ten no punto de mira a novos autores para próximos espectáculos. María Victoria Moreno, a protagonista este ano do Día das Letras Galegas, será a seguinte homenaxeada polo Grupo Ouriol, que artellará despois un recital con poesías da mesma Eva Veiga.