Son corsarios e son coruñeses, pero non saquean, senón que actúan. Lino Braxe, Amalia Gómez, Xavier Estévez, Manuel Areoso e Juan Rodríguez rescataron este luns nas táboas do Teatro de la Comedia de Madrid Caín, pirata, unha das obras menos coñecidas de José Zorrilla. Baixo a dirección de Xosé M. Rabón e cunha posta en escena renovada, o elenco galego compartiu co público unha historia de tempestades, naufraxios e aventuras, que representaron como parte dun encargo feito pola Asociación de Directores de Escena de España con motivo do bicentenario do nacemento do artista.

A representación preparada tivo todo o sabor da Costa da Morte, tanto pola trama como pola novidade que supoñía. "É moi interesante, porque trátase da primeira vez que se elixe un elenco da cidade para defender teatro en verso español", explica Braxe, que entende a obra como "un regalo" para os actores que a escenifican. O seu papel nela é o de Pedro, un náufrago "comerciante e caradura" co que os bucaneiros se atopan na súa parada para repostar nas Illas Baleares. "Os piratas teñen un pasado en común. Eu vexo as liortas e os amores que había entre eles, e que van desembocando nunhas vidas tremendas. Hai moito misterio", explica o dramaturgo, que se pon nos pés do propio Zorrilla ao final da obra.

Di o autor galego que a peza "non remata redonda" porque está escrita "como un prólogo". É por iso polo que el mesmo acabou construíndo un epílogo no que, a xeito de peche, sube ao escenario para falar cos piratas do valisoletano. "Son 16 versos nos que lles digo unhas cantas cousas ás personaxes que creou, dando pé ao que pasaría despois", explica. Cuestionado sobre o reto de continuar a obra dun escritor da altura de Zorrilla, Braxe non dubida ao afirmar que recrear as verbas do poeta sobre as táboas imponlle máis que poñerlles fin. "Sempre che produce respecto, pero paréceme máis complicado interpretar a Pedro. Fala moito", comenta, en referencia á forma na que está redactada á historia.

Caín, pirata está escrita en verso, como un longo poema sobre "a importancia das vidas" dos bucaneiros. A peza era para Braxe unha oportunidade única para participar nun teatro recitado que, advirte, é cada día máis escaso. "Agora é tan difícil facer teatro en verso...! Había vinte anos que non o facía. Cando chegas a unha idade e te chaman para algo así, tes que aceptar, porque ao mellor é a última vez", comenta o coruñés, que admite que se trata tamén dun dos formatos máis complicados de levar a escena. "Ten uns códigos diferentes. Se te esqueces é moi difícil improvisar, tes que ser moi fiel", engade.

A linguaxe da obra, propia do etapa de Ouro española tampouco facilitan a dramaturxia. Zorrilla rescata nela as expresións do século XVII no que se desenrola a historia, que quedou relegada na súa produción literaria en prol doutras pezas agora máis populares. "Tivo o seu momento de éxito na estrea, pero logo non quedou. Representouse pouco, é case como un texto inédito", di o actor.

A versión para o Teatro de la Comedia, apegada á orixinal, non muda as verbas, pero si a estética. A adaptación de Rabón conta con 6 bailaríns e unha pantalla a xeito de fondo, na que se proxectan imaxes de tempestades e as pinturas de motivos mariños de Braxe e o seu pai. "Todas están feitas para a obra, salvo as do meu pai. Oxalá estivera aquí para velo. O pobre nunca puido expoñer, e quería facerlle unha homenaxe. Faríalle moita ilusión", conclúe.