Amnistía Internacional festexa mañá a súa labor local e estatal cunha gala no Teatro Colón, onde DOA, un dos grupos máis eclécticos do panorama musical coruñés, contribuirá á recadación de fondos cun concerto solidario. Acompañados polo pianista invitado Fran Castro, Susana Lorenzo, Gertraud Brilmayer, Xoan Piñón e Bernado Martínez botarán á vista atrás para repasar os seus 40 anos como grupo, os mesmos que a entidade leva traballando a nivel estatal, e que conmemorará a partir das 19.00 horas xunto ao 30 aniversario que cumpre na cidade.

Folk, rock, cantigas e ata jazz mesturaranse na actuación da banda coruñesa. O grupo percorrerá toda a súa discografía cunha escolma dos seus traballos desde 1979, facendo un especial fincapé en A fronda dos cervos, o último álbum de DOA ata a data. "Imos facer un concerto completo, no que presentaremos algún tema novo do disco que estamos a preparar", explica un dos fundadores da banda, Xoán Piñón, que se declara "orgulloso" de poder participar na gala.

Tanto el como o resto dos integrantes de DOA levan xa un mes preparando o concerto. Conta o músico que o afrontan "con moita ilusión" polo carácter do acto, que loita de xeito "altruísta polos dereitos dos seres humanos". "O fas de forma especial. Cando nos chamaron para actuar non o dubidamos nin un momento", asegura Piñón, que ve como unha "obriga" a colaboración dos que, como el, gozan dunha "posición pública".

Os membros de DOA contribúen coa súa música a este tipo de causas "un par de veces ao ano". A de mañá será a primeira vez que o fagan con Amnistía Internacional, unha institución que loita para acabar, entre outras, coa pena capital, a tortura e as desaparicións forzadas. "É unha ONG exemplar. Traballa para que se faga xustiza, e non o fai en solitario, senón en colaboración con outras", conta Piñón.

A estas outras entidades fará mención a asociación durante a gala, que quere converter tamén nunha homenaxe aos que, na cidade, loitan como eles pola dignidade das persoas. Foro Galego da Inmigración, a Cocina Económica, Equus-Zebra, Alas Coruña e Tierra de Hombres serán algunhas das entidades que se lembrarán no espectáculo, que servirá a DOA como antesala da súa propia festa de aniversario. "Os nosos 40 anos os festexaremos cun novo traballo", adianta Piñón, en referencia as catro décadas que leva sobre o escenario baixo o nome de DOA.

Era no 78 cando nacía o grupo da man do músico e Bernardo Martínez. Motivados polas inquedanzas artísticas dos seus integrantes, DOA avanzou nun ir e vir de estilos musicais dispares, comezando con melodías vangardistas e pasando pola fusión, o folk-rock, as cantigas e a música de cámara. "Tíldannos de grupo de folk, pero somos un folk relativo. Se tivera que poñer unha etiqueta, sería progresivo-psicodélico", explica Piñón, que tampouco se identifica coa música popular. A banda ten recreado nos seus discos cantigas galegas, así como adaptacións de pezas de época doutros países do eixo Atlántico. "Fomos uns dos primeiros en facer un rexistro gravado dun Martín Códax", lembra o coruñés, que asegura, porén, que o seu non é "un grupo de música medieval".

O que DOA fai é música libre, tan variada como os membros que a teñen integrado. Nos seus 40 anos, teñen pasado polo grupo preto de 45 artistas, que quedaban ou marchaban en función do interese que lles inspiraba o proxecto no que se fosen a embarcar. O que lles agarda ao cuarteto actual é un novo álbum logo de 7 anos sen sacar disco, que estará composto por primeira vez ao completo por música e temas orixinais. "No próximo disco faremos un compendio da mochila que temos enriba. As letras son dunha poeta descoñecida, e a música estará composta por nós", di Piñón, que non concreta aínda o son final. "O resultado é imprevisible. A música xorde a medida que se fai".