A dor da emigración, a saudade e a voz de quen a viviron resoan de novo esta tarde no Centro Ágora da man de Exilio, unha peza do Grupo de Teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. A representación, preparada como festexo dos vinte anos de historia do colectivo, levará a escena a partir das 20.30 horas algúns dos relatos das figuras centrais da nosa literatura, cos que a formación quere debuxar as pontes que, aínda hoxe, continúan unindo pasado e presente nun feito do que non se vislumbra fin: o da marcha da propia terra.

"Apetecíanos falar do exilio, a través dos autores que escribiron sobre el desde a dor", explica o director da obra, Lino Braxe. Entre a multitude de testemuños migratorios que poboan a historia literaria galega, o dramaturgo coruñés escolleu catro, co fin de construír unha representación que fora desde o máis "sentimental" ata a pura farsa. A viaxe a Bos Aires e a conversa de dous galegos que Dieste inmortalizou en Na ponte de ferro e O grandor do mundo, respectivamente, serán dúas das patas que sosterán a representación, á que se unirá O pai de Migueliño de Castelao, a espera dun meniño que agarda no peirao a chegada do seu proxenitor desde as Américas.

Esquema de farsa, de Luis Seoane, pechará o abano de relatos. A obra, que Braxe representaba o ano pasado na fundación da rúa San Francisco a modo de conversa radiofónica, toma agora unha forma máis dramática neste compendio de representacións, ao que o autor contribuirá cun texto no que denuncia os discursos festivos da emigración realizados polas autoridades no Día do Emigrante Galego de 1956. "É unha obra moi experimental. Comezou como unha lectura dramatizada, e agora ten un formato máis grande e teatral", explica o director, que incorpora nesta segunda adaptación "novas escenas e ideas" de Seoane.

Salvo nesta, na que se aproveitan fragmentos da primeira versión da peza, todas as obras foron traballadas coa mirada posta no aniversario da formación. A representación de Exilio será o acto co que o Grupo de Teatro da Asociación Alexandre Bóveda festexará as súas dúas décadas de vida, que empezaron a raíz do gusto da entidade polas artes escénicas. "A organización antes tivera un grupo de monicreques, Sapoconcho. Pero ese proxecto morreu e quedou a espiña de dar o paso ao teatro", lembra Braxe, que comezou como director da agrupación cando o entón presidente de Alexandre Bóveda, Francisco Peña, propuxo finalmente saltar á escena.

Desde ese intre, di o dramaturgo, as cousas teñen cambiado bastante. "Entrou xente nova, agora somos máis e a situación é moi satisfactoria", afirma o director que, logo destes vinte anos, retoma a súa posición á cabeza do colectivo. Xunto a el, e xunto ao seu Exilio, o coruñés levará a ledicia da súa efeméride por outros enclaves da xeografía galega. Cambre e Ribadeo son algunhas das paradas que o autor xa ten en mente para a xira da representación, que alongará coa súa axenda a celebración da data. "Cada vez que fagamos a función a seguiremos festexando", asegura entre gargalladas o autor, que destaca a identificación que o seu público sentirá co espectáculo.

E é que a emigración, aínda que distinta no tempo, non é un asunto do pasado. "A emigración dos anos 50 era de xente que estaba nunha situación moi paupérrima polas guerras. Agora a xente está moi preparada, pero é o país o que non ten saídas que ofrecerlle", reflexiona Braxe, que levará tamén esta semana a escena a estrea mundial de A soldadeira de Seoane. A representación, realizada con motivo do 60 aniversario da publicación da peza, poderá verse este sábado na Fundación Luis Seoane ás 20.30 horas. O formato será unha lectura dramatizada, que contará con música, atrezzo e unha montaxe profesional.