Un teatro sen medo, dese que non pide permiso para falar, para rir ou para emocionar, un teatro que colle a palabra e o escenario e consegue convertelo nunha poderosa arma que é quen de mover conciencias, de cambiar mundos e realidades imaxinadas, así, coa forza dos que chegaron antes e co pulo dos que aínda están por vir, celebrou onte a Asociación de Actores e Actrices de Galicia a vixésimo segunda edición dos premios María Casares. Foi unha noite, a de onte no teatro Rosalía de Castro, para reivindicar os "corpos diversos", as mulleres que xa non calan cando sofren acoso e tamén unha noite para as que teñen que loitar a diario contra os tópicos das persoas que non entenden que ser actriz é unha profesión.

Houbo catro espectáculos que sonaron onte máis veces que os demais. Resaca, Resacade IlMaquinario Teatro levou os premios de Mellor escenografía, Mellor iluminación, Mellor música orixinal e Mellor actriz secundaria, para Laura Míguez. Elisa e Marcela, de A Panadaría, recolleu os premios de Mellor texto orixinal, Mellor actriz protagonista, para Areta Bolado, Mellor dirección, para Gena Baamonde, e Mellor espectáculoElisa e Marcela, Elisa e Marcela. E sonou catro veces tamén o nome de Producións Teatráis Excéntricas, pola súa obra, A cabeza do dragón, A cabeza do dragónque recolleu os premios de Mellor vestiario, Mellor tradución/adaptación, Mellor actor secundario, Víctor Mosqueira, e Mellor actor protagonista, Iván Marcos, que este ano recolleu tamén o Mestre Mateo polo seu papel en Dhogs. Hai doce anos, tamén Luis Tosar conseguira levar os dous grandes galardóns de intepretación do audiovisual galego no mesmo ano.

A xerra María Casares para a mellor maquillaxe levouna Trini F. Silva, polo seu traballo en Outono, Outonoda compañía Pistacatro, e o premio ao Mellor espactáculo infantil foi para A galiña azul, A galiña azulde Tanxarina, co texto de Carlos Casares revisado e actualizado por Cándido Pazó.

62

Gala dos Premios María Casares

A gala -dirixida por Artur Trillo- comezou onte co coro Encaixe interpretando Leverelem, e, sobre o escenario, actores e actrices falando da profesión, do complicado que é para as nenas con vocación, escoitar que o seu soño non é válido e, así día a día, ano a ano, coa letanía de quen lles di que, coa memoria que teñen, que "estuden unha oposición".

A presidenta da asociación, Nieves Rodríguez, falou onte en "feminino plural", sen pedirlle perdón a quen lle "incomoda" que as verbas rematen en A. Rodríguez, que é a terceira presidenta da asociación, nos seus corenta anos de vida, chamou a todos aqueles que cren que esta loita non vai con eles "a desertar", a deixar a súa trincheira e a se uniren ao bando das que denuncian as violencias machistas e que procuran un mundo no que falar, ser titititeira, rapeiro ou autora dun tuit non é delito. "As mulleres estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá, aínda que ese mañá ha ser ben diferente ao que vivimos, ha de ser un mañá cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas", sentenciou.

Entre entrega e entrega de premios, os presentadores e tamén os seus compañeiros de reparto lembraron algunhas das anécdotas que máis lles fixeron rir sobre o escenario. Conta Xesús Ron, de Chévere Teatro, que durante un tempo, a empresa constou no rexistro como que se dedicaba á reparación de tractores porque alguén anotou con tan mala letra representacións teatrais, que outro alguén deu en ler reparación de tractores. Lembraron tamén a Roberto Vidal Bolaño falándolle en galego a un público que non coñecía o idioma e aquel xamón que baixou da "vara quince" [do teito do teatro] á "hora do bocadillo".

No momento dos agradecementos houbo tempo para a risa, pero tamén para a reivindicación e a queixa. Quico Cadaval lembroulle ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez [presente na gala], que foi a súa compañía e non o Centro Dramático Galego con Martes de Carnaval [como dixo algunha vez] quen, por primeira vez, interpretou a Valle-Inclán en galego. O equipo de Elisa e Marcela -algunhas delas con bigote postizo- reivindicaron tamén, sobre o escenario a historia desas "dúas mulleres que se amaron" e que abriron o camiño para moitas outras.

O teatro púxose en pé para recibir á súa compañeira Rosa Álvarez, gañadora do premio de honra Marisa Soto, que quixo converter o seu corpo nunha pancarta portadora de lazos de cores, "desde o amarelo ao marrón" e que, desde o escenario, falou dos refuxiados e das institucións que permiten que "morran a milleiros". Reivindicou a recuperación do Centro de Documentación teatral, pero tamén o teatro como fonte de fantasía e, puño en alto, reclamou "liberdade de expresión".

Lucía Aldao e María Lado leron un manifesto escrito "cun pouco de poesía, un pouco de cariño e un pouco de mala hostia" sobre a liberdade e a risa. A profesión brindoulle onte o derradeiro aplauso aos compañeiros que xa non están, entre eles, Mateo González, que o ano pasado faleceu logo de asistir á festa que se celebrou ao rematar a gala dos María Casares.