O actor e humorista arousano Carlos Blanco, que actuará ás 20.30 horas xunto a Víctor Fábregas e Quico Cadaval nunha nova sesión de Noites de Retranca, no teatro Rosalía, respondeu onte ás preguntas dos internautas nun chat cos lectores da páxina web de LA OPINIÓN, www.laopinioncoruna.es.

-Papá, por que somos do Celta?

-Somos do Celta porque si, por que nos peta, que diría Celso Emilio Ferreiro.

-Vinte no espectáculo aquel logo do Prestige no Palacio da Ópera. Podiades facer outra desas agora que houbo o desastre das Fragas do Eume.

-Estamos en tantos barullos que non sei eu. Grazas pola idea en todo caso.

-Non poderei veros hoxe na Coruña. Podes facer un resumo do que se encontrará a xente sobre o escenario?

-Tres cómicos moi diferentes. O meu contar caótico, o estilo máis físico de Víctor, e unha obra mestra da narración oral. Dez anos despóis da súa estrea, Quico Cadaval recupera este xoves Edipo. Se non vistes a Cadaval contar o mito clásico de Edipo á súa nai non vistes nada.

-Darías un adianto do espectáculo?

-Fliparás con Cadaval.

-Acabo de invertir en dúas entradas. Vaime compensar?

-Non creo. Corre a devolvelas ou proba na reventa. Vai estar cheo.

-Vinte en Pontevedra, en Moaña, en Cangas tres veces, no Muíño Vello en Redondela... Como pode ser que me siga partindo co doblaxe das pornitos?

-Porque nunca o conto igual. Tento facer jazz, coa música podes oir a mesma canción mil veces.

-Despois do teu video falando dos medios públicos, que farías se estiveses hipoteticamente gobernando? Que medidas tomarías?

-Penso como algún premio Nobel, que o camiño que levamos é erróneo. Tralo estoupido da burbulla immobiliaria, cando Portugal, Italia, Grecia e España -os Pigs como se lles chamaba nos mercados- estouparon, a partir de aí ven todo o que nos esta pasando. O dos medios públicos ten guasa. Aquí subvencionouse a todos, públicos e privados... e séguese facendo.

-Que vou poder ver en Noites de retranca?

-Uns tipos feos falando. Pouca cousa.

-Cal foi o compañeiro de escenario co que máis cómodo te encontraches?

-Con moitos: Adriana Ozores, María Bouzas, Miguel Ángel Solá... Con Tosar é marabilloso currar. Buf... Tantos...

-Penso que existe un humor galego e que existe gracias precisamente á retranca. Que pensas ti?

-A retranca é un xeito de estar no mundo penso que intelixente. Non é exclusiva de nós, pero si moi nosa.

-Con que galego formarías unha parella tipo Faemino e Cansado?

-Xa fixen dúo coa gran Patricia Vázquez e traballo agora con Budiño. Os Faemino e Cansado son inimitables. Pero ollo, aquí temos a uns xeniais Mofa e Befa e veñen aí Os da Ría moi fortes. E os Tonechos, Ardebullo...

-Faste máis vello coa barba. Falo a propósito?

-Hai tempo que o meu aspecto ten a ver cos personaxes que me ofrecen.

-Seguro que tes mil e unha anécdotas graciosas de tantos espectáculos que levas feitos. Conta algunha.

-O outro día, en Mera, lin un poema pornográfico medieval que fala dunha tal Lucía Sánchez, e xustamente así se chamaba a señora que estaba na primeira fila. Foi incrible, andivemos aos tombos. E fixémonos fotos xuntos, claro. Foi xenial.

-Non se che pegan as frases típicas dos personaxes que che rodean?

-As veces roubolle cousas a Cadaval. Pídolle permiso, eh?

-A que cómicos admiras?

-A tantos.... Mary Santpere, O Xestal, Chaplin, por suposto, Gila téñoo nun altar, os ingleses son fabulosos, os Monthy Pyton... Que sei eu.

-Gústanche Les Luthiers?

-Moito, pero nunca os vin en directo, curiosamente.

-Dépor ou Celta? Fai un pronóstico para o domingo.

-Eu son celtista, pero non antideportivista. Ogallá que gañemos.

-Véxote moi preparado e moi cómodo co teu iPad... Telo só para quedar ben ou daslle caña?

-Úsoo nas actuacións.

-Por que decidiches ser actor?

-Pois non sei... A vida. Supoño que o levas dentro, e nun momento dado xorde a oportunidade. Durante anos deixeino e fixen radio, e gustóume, pero un día, decidín deixalo todo, renunciar a unha praza por oposición e lanzarme sen paracaídas. Aínda non cheguei ao chan, sigo nas nubes, e xa me vou preparando para o batacazo.

-Non podo ir a veros. Repetiredes espectáculo outro día en Coruña ou noutra cidade?

-Pois non o sei. Noites de Retranca é un formato exportable, penso que se fixo e se fará fóra de Galicia.