Paseos

O castelo de Santa Cruz

0 votos

Oleiros - A Coruña
Alexandra Moledo O castelo de Santa Cruz é un dos maiores símbolos do Concello de Oleiros. O edificio está situado nun illote da ría da Coruña ao cal se accede por unha pasarela [..]

Alexandra Moledo

O castelo de Santa Cruz é un dos maiores símbolos do Concello de Oleiros. O edificio está situado nun illote da ría da Coruña ao cal se accede por unha pasarela peonil de madeira e foi declarado Ben de Interese Cultural, tanto polo seu alto valor histórico como pola súa beleza natural e paisaxística.

A edificación serviu de defensa contra a armada inglesa, logo converteuse en pazo e hoxe alberga un centro de divulgación.

O ataque da armada inglesa, baixo o mando de sir Francis Drake no 1589, puxo de manifesto a necesidade de afianzar o sistema defensivo do porto da Coruña. O castelo de San Antón, único baluarte de defensa do porto coruñés, non foi suficiente para deter a incursión dos ingleses. Por iso, a finais do S. XVI e baixo as directrices do xeneral Diego das Mariñas, comézase a construír un novo forte defensivo enclavado na illa de Santa Cruz, enfronte da cidade da Coruña.

En 1640 remataron as defensas desta fortaleza que estaba dotada con distintas pezas de artillería, entre as que destacaba un potente cañón denominado Barraco.O sistema defensivo da Coruña, formado polos castelos de San Antón e Santa Cruz, completouse coa construción dun terceiro, o castelo de San Diego, e por outras pequenas baterías. Co cese das invasións navais no século XVIII o castelo de Santa Cruz quedou abandonado.

A época de abandono da illa de Santa Cruz remata un século despois, cando Xosé Quiroga, marido de Emilia Pardo Bazán, a merca en subasta pública, e manda construír nese lugar un pequeno pazo, no cal el e a súa familia pasaban as vacacións de verán. O edificio principal estaba formado por dous torreóns unidos por unha parte central e ampliouse en varias reformas posteriores. O refraneiro di capilla, palomar y ciprés pazo es, e o castelo presenta todos estes elementos. O pazo tamén albergaba no seu interior unha pequena capela.

Hoxe en día a súa cuberta é o único elemento interior que se conserva desta época. Tamén conta cun peculiar pombal, posiblemente o único subterráneo en Galicia, que na actualidade é o fogar de numerosas pombas mensaxeiras, despois de moitos anos en desuso. O castelo de Santa Cruz conta a maiores cun pequeno xardín, con árbores senlleiras que na súa maioría enraizaron moi lonxe da súa terra de orixe.

A emblemática construción foi herdada por Blanca Quiroga, filla de Emilia Pardo Bazán. No 1939, Blanca doou o pazo da súa familia á arma de cabaleiría coa única pero firme condición de que se adicase como casa de colonias aos orfos de guerra. Ata o ano 1978 esta antiga fortaleza albergou todos os veráns a milleiros de orfos do exército que acudían ao castelo a recuperar un pouco de saúde e esquecer así os longos invernos nos colexios. Tras este período a illa quedou novamente abandonada.

O Concello de Oleiros, pola súa situación próxima á Coruña, e as características da súa costa, chea de pequenas praias, foi centro de intereses inmobiliarios e o castelo, polo seu enclave privilexiado e o seu estado de abandono, foi foco tamén deses mesmos intereses, ata que finalmente, en 1989, o concello mercouno cun obxectivo claro: que todos os veciños e turistas puidesen visitar o edificio máis representativo do seu territorio e ao mesmo tempo aproveitou para convertilo nun centro de referencia da educación ambiental de Galicia.

Pero o logro dese fin non foi doado e fixeron falta varios anos para aunar os intereses de tres institucións con fortes compromisos en medio ambiente: a Consellería de Medio Ambiente, a Universidade da Coruña e o concello de Oleiros, pero no ano 2001 por fin comezou a súa andaina o proxecto do actual Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida). Como sede da institución, o castelo de Santa Cruz alberga actividades de formación, de cooperación, exposicións e tamén conta co centro de documentación Domingo Quiroga, especializado en temática ambiental.

Ao redor da illa onde está ubicada a fortificación hai un paseo litoral desde o cal se pode albiscar a cidade da Coruña, Santa Cruz e o seu pequeno porto, que aínda que hoxe en día o número de mariñeiros é moi reducido, foi un dos máis importantes de Oleiros entre os séculos XVI a XVIII. Nos arredores de Santa Cruz hai tamén outros puntos de interese como o monumento natural Costa de Dexo-Serantes, a praia de Santa Cristina ou o pequeno porto de Lorbé.

Galería de fotos

Mapa

Musical en A Coruña

Responde a las preguntas y podrás ser el afortunado que acuda acompañado a ver el musical 'Priscilla, Reina del Desierto' en el Palacio de la Ópera
¡No te lo pierdas!

Encuentra los eventos de