Entrevista | José López Campos Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

“Rueda buscaba perfís técnicos e en Cultura quería a alguén máis político e con cercanía”

“A Casa Cornide está baleira, esperaremos uns días a que nos comuniquen as datas de apertura”

José López Campos, nas dependencias da sede central da Xunta en Santiago.

José López Campos, nas dependencias da sede central da Xunta en Santiago. / Xoán Álvarez

Daniel Domínguez

José López Campos (A Estrada, 1974) deixou a Alcaldía do seu Concello, na que estivo catro mandatos con maioría absoluta para entrar por primeira vez como conselleiro, logo de ser apuntado como un favorito para ser conselleiro da nova Xunta de Alfonso Rueda por gran parte do seu partido. Procedente do mundo da banca, antigo xogador de baloncesto e con dous metros de altura, López Campos afronta agora a carteira de Cultura, Lingua e Xuventude.

Por que acepta ser conselleiro?

O primeiro é que é tan importante saber chegar como saber marchar dos sitios. Era importante para min pechar un ciclo no Concello. Cando o presidente [Rueda] me di que podo ser un perfil interesante para o Goberno, dudei moito, pero vin que tiña claro o proxecto futuro para Galicia e conquistoume. Cando o presidente chama a filas, hai que estar.

Que méritos cre vostede ter para estas novas responsabilidades?

O presidente busca perfís normais en política, que pode ter unha relación cordial con todo o mundo e capacidade de diálogo. A política local, ao final, é moito máis cercana, pero tamén quería un perfil de de xestión.

Vostede mantén unha boa relación personal con Rueda, igual que Alfonso Villares. Facilita a tarefa ser amigo do xefe, por así dicilo?

Eu creo que é unha carga, é unha responsabilidade porque o presidente é unha persoa extremadamente esixente. En ningún caso creo que poida decidir cuestións deste nivel por unha proximidade persoal.

Agardaba que lle encomensasen outra consellería?

Nunca me fixen cábalas. Ata 24, 48 horas antes de anunciar a decisión, non tiña falado comigo. Malia que me sorprendese, creo que tiña claro, perfectamente claro cales eran os perfís que quería para cada área.

Cales?

Quería unha parte de un perfil técnico en determinadas áreas e noutras, como para esta consellería de nova creación e que ía ter máis visibilidade, quería un perfil máis político, con máis capacidade de diálogo e, sobre todo, con cercanía. Non digo que non se fixese antes, pero a cultura estaba algo solapada pola macroconsellería de Educación. O sector pedía máis visibilidade.

Hai quen pensa que ao fichar a un alcalde, é un xeito de potenciar o galeguismo do PP.

Xa poñer por primeira vez a lingua nunha consellería é un xesto importante e irá acompañado dunha política máis pegada ao territorio e con sensibilidade cara o que somos. Temos unha gran riqueza no ámbito lingüístico e creo que é algo no que temos que seguir traballando.

E que lle parece que desaparecezan as vicepresidencias?

Debemos analizar o que pasou nos últimos tempos. Houbo unha transición que non era sinxela ao deixar o modelo Feijóo. Fíxose de xeito exemplar. O partido está moi asentado no territorio, é moi maduro, como demostrou. Saímos reforzados e temos un liderado respetado por todo o mundo e reforzado por unha maioría absoluta incontestable. Dito isto, temos un presidente e un goberno sólidos para moito tempo se facemos as cousas ben, non podemos tampouco relaxarnos.

Gaña o PP de Pontevedra e perde un pouco o da Coruña, que queda sen os dous vicepresidentes?

Gaña o PP. Do tema das cotas territoriais deixamos de falar hai moito tempo, con moito acerto. Debemos falar de persoas, non de territorios. Non creo que ningún consellero trate de xeito diferente a una provincia. Iso está no noso ADN.

Por certo, que lle pareceu o anuncio de Pedro Sánchez de seguir como presidente?

Todos os que estamos en política temos familia, eu muller e dous fillos que fan un sacrificio enorme. Todos pasamos momentos moi difíciles, pero en política hai que vir chorado da casa. Eu xa dixen o domingo antes de que o presidente do Goberno anunciase a súa decisión que tiña claro que ía continuar e que podía tratarse dunha estratexia nun momento onde hai unhas eleccións en Cataluña e europeas en xuño decisivas tamén para que o Partido Socialista poida remontar. En política non todo vale.

Que ideas ten para o eido cultural a medio prazo?

Sen dar unha mensaxe triunfalista, no ámbito cultural as cousas fixéronse ben. O retorno que percibo do sector é que houbo un traball o tanto do anterior conselleiro, de Román Rodríguez, e o seu equipo moi pegado ao territorio, moi pendente das necesidades do sector. Debemos ter moi boa interlocución co sector entidades como o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega... que teñen as súas necesidades.

Asume tamén as competencias de xuventude, pero dous dos grandes problemas dos mozos son a vivienda e o emprego, que dependen doutras consellerías. Que pode facer por mellorar a vida dos mozos?

O presidente teno clarísimo, quere que sexa unha área transversal. Aquí temos que ter un fío directo con Política Social, con Vivenda... Xa hai moitas liñas de apoio como os avais do 20% para primeira vivenda, axudas ao alugueiro... Un dos problemas é a tensión que hai no mercado imobiliario: non hai moita vivenda dispoñible para os menores de 35 anos. Estos días ven de anunciar o presidente en Navia, en Vigo, a construción de bastantes novas vivendas. Aí imos ter que traballar moito coa consellería para intentar buscar alternativas habitacionais.

Na Coruña, cando se habilitarán as visitas á Casa Cornide, propiedade da familia Franco?

Aí hai dúas vías. Por un lado, a que inicia o Concello para a reversión desa venta da propiedades. Logo, a que nos afecta a nós porque é un Ben de Interese Cultural, pero a casa está pechada porque é privada. A familia Franco presentou o escrito dicindo que era un domicilio, non habitual, pero unha residencia temporal e que, polo tanto, solicitaban a exención para a apertura ao público, que sería de catro días ao mes. A semana pasada, comunicóuselles un informe no que entendemos que a vivenda estaba baleira e, polo tanto, non hai xustificación para non cumprir as obrigas dun BIC. Teñen que comunicarnos cales van ser as datas de apertura. Mandamos o informe por correo ordinario, esperaremos uns días.

De negarse, abriranlles aos Franco un expediente sancionador?

Iso está todo regulado por lei.

Para rematar, onde se ve dentro de cinco anos?

Tentando ser o máis feliz posible, desfrutando do que faga.

“O galego é a lingua minoritaria que máis se fala, pero debemos prestixiar o seu uso nos ámbitos máis cotiás”

Como vai impedir o retroceso no uso do galego?

Non vexo que sexa iso un problema. Dillo un galegofalante fillo dun mestre de galego...

Teño os datos. As persoas que aprenderon a falar a través do galego pasaron do 52% en 2003 ao 19% en 2018; quen lles fala galegos aos fillos, do 53% ao 44%; quen fala galego sempre, do 43 ao 30%, segundo o IGE. E a Real Academia Galega fala de creva interxeracional na transmisión de pais a fillos...

De todas as linguas minoritarias que existen, o galego é a que máis se fala con diferenza. Hai dous aspectos. Por unha banda, o ensino, o famoso decreto do galego e o plurilingüismo. Creo que é un tema superado e vívese con certa normalidade, o cal é un éxito colectivo. E logo está o ámbito social. Aí temos camiño por percorrer. Temos que buscar a fórmula de prestixar o uso da lingua nos círculos máis cotiás da vida, por exemplo, no audiovisual.

Comparte que os nenos que entran falando galego na escola saen falando castelán, pero nunca ao revés?

Discrepo. Depende en que ámbitos.Nas cidades pode haber certo problema de integración, pero no rural, do que veño eu, non existe esa situación. Ademais, vexo cada día máis mozos de entre 25 e 30 anos que falan galego con normalidade. Alomenos, perdeuse esa vergoña de, en determinados ámbitos, poder utilizar o idioma. Temos moito camiño por percorrer, por exemplo para usar o galego nas novas tecnoloxías e coa intelixencia artificial, co proxecto NÓS.

Suscríbete para seguir leyendo