Noticias | Agenda

Cántigas da Terra homenaxea ao último construtor de gaitas da Coruña

A agrupación musical prepara para o sábado un acto para recoñecer a labor do artesán Xosé López Bao con actuacións de grupos para os que deseñou instrumentos entre 1960 e 1980
24-01-2013 17:13
2 votos
O presidente e o vicearquiveiro de Cántigas da Terra. / víctor echave

O presidente e o vicearquiveiro de Cántigas da Terra. / víctor echave

Aos seu 85 anos o lutier Xosé López Bao tivo que deixar a súa vivenda en Eirís de Abaixo debido ás expropiacións do parque ofimático e voltou ao lugar no que naceu en Ardemil (Ordes). O único artesán gaiteiro coruñés en activo pechou así un ciclo pero voltará de novo á cidade coruñesa este sábado para a homenaxe que lle rendirá a agrupación Cántigas da Terra, onde estarán presentes algún dos grupos para os que construiu gaitas entre os 60 e os 80, a época na que máis instrumentos produciu. Aínda agora fai algún encargo para os amigos, pero en 1990 fixo un parón de oito anos debido á enfermidade da súa muller e cando volveu ao taller xa non volveu a traballar coa misma intensidade.

O vicearquiveiro de Cántigas, Ramón Rodríguez, sinala que co acto do sábado recoñecese a labor dun dos artesáns máis lonxevos e "decisivo" nunha etapa na que os gaiteiros estaban "mal vistos". - sobre todo debido a que nos últimos tempos estivo máis "esquecido" porque a súa retirada forzosa coincidiu co auxe de Seivane na Coruña cuxa figura -engade Rodríguez- "ensombreceu e tapou" a outros grandes profesionais.

Non se trata dunha homenaxe "de sillón" porque o obxectivo é destacar a "parte humana" de López Bao, e por iso a partir das 19.00 horas conversará cos asistentes ao evento sobre a súa experiencia para unha hora e media despois dar paso ao acto central con actuacións de dous grupos de Ordes -Manuel Viqueira e Os Gaiteiros da Asociación de Veciños de Leira- e da Coruña como Os Gaiteiriños e membros do Antigo Corpo de Gaitas da Deputación coruñesa. Tamén participarán persoas que colaboraron como o homenaxeado como Os Rilos -pai e fillo- que lle axudaron a vender as súas gaitas en centros galegos do exterior.

Coa marcha de López Bao a Ordes o municipio coruñés quedou sen ningún construtor de gaitas. "Hai un século cando non había tantos gaiteiros había máis artesáns ", apunta Rodríguez, quen ten constancia de que en 1916, cando se fundou Cántigas da Terra, existían na cidade polo menos dúas persoas adicadas a este oficio: O Tintoreiro do Orzán e Ambrosio, que ademais de facer os instrumentos tocaba nas procesións das festas da Cidade Vella.

As primeiras gaitas nas que traballou estaban feitas á man ate que acadou un pequeno torno que lle servise de axuda nesta tarefa. Cando se trasladou a vivir á cidade coruñesa e entrou a traballar como torneiro da Fábrica de Armas algunhas partes do instrumento deseñabaas alí e logo púñalle o toque final no seu taller. Contar con medios máis modernos permitiulle atender máis encargos e na súa época de maior esplendor -entre 1960 e 1980- surtiu de gaitas ás principais formacións musicais da Coruña como Os Cinco de Galicia, Os Labregos, Brisas da Cruña, o Ballet Galego e tamén a Cántigas da Terra, para os que aínda hoxe fai algunhas.

O que máis lle chama ao responsable de Cántigas do homenaxeado é a súa "humildade" e, sobre todo, a "paciencia"que amosaba á hora de afinar un punteiro, xa que foi dos primeiros artesáns en conseguir que dúas gaitas á par soaran afinadas. Pese a que o alcume "o rei do si bemol" o acompañou durante toda a súa traxectoria debido á cantidade de pedidos que elaborou nesta tonalidade, "nunca se deu aires de grandeza". - iso que foi portada dun calendario antigo do Concello. "Non dos pequenos que teñen agora senón dos grandes para colgar na parede que imprimían hai anos", aclara Ramón Rodríguez.

Na súa familia de momento ninguén se interesou en seguir a tradición e debido a que na Coruña non hai escolas desta arte, según Rodríguez, cada vez hai menos xente que se adique a este traballo. Pero pola casa de López Bao si que se achegan varios "aprendices" para que o artesán lles aprenda. "Cóntalles todo o que queiran saber pero non lles deixa usar o torno por medo a que se manquen", indica.

Igual que a Coca-Cola as gaitas deste coruñés tamén teñen unha fórmula segreda porque é capaz de obter un instrumento "con timbre e volume" sen perder afinación abrindo o punteiro por abaixo máis do habitual. Tamén prefire os foles de coiro en lugar dos de goma. Destas décadas de entrega a artesanía, López Bao -en palabras de Rodríguez - quédase coa satisfacción de dotar de gaitas aos músicos das cidades que a diferencia dos do rural non sabían facelas.
 

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook