Coa edición do álbum Arrolos de salitre, o dúo formado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández pretendía dar a coñecer a novas voces no panorama musical galego.

Na gala de entrega dos PREMIOS OPINIÓN haberá ocasión de escoitar a tres desas voces que participaron no disco. "Ata o momento ese repertorio faciámolo a dúo e, polo tanto, será unha boa oportunidade de ver algo novo e contemplar no escenario a algunha das voces que eliximos para este proxecto. Fainos ilusión ter a oportunidade de contar con eles no escenario", manifesta Fernández. Ademais, o propio Xabier Díaz tamén cantará unha peza incluída nos Arrolos de Salitre. A súa actuación constituirá a parte vogal do espectáculo preparado para esta décimo segunda edición dos premios.

Esta é a cuarta vez que o guitarrista subirá ao escenario para participar na gala de entrega dos galardóns. "As situacións que se deron neses recitais foron dispares. A primeira vez ía con Berrogüetto e non había sorpresa no que faciamos. A segunda significou o primeiro concerto do dúo feito con Guadi Galego, no que estabamos a probar se pagaba a pena continuar nesa aventura que finalmente deu lugar ao nacemento de Espido. - a última foi un proxecto singular do que tamén gardo unha grata lembranza, ao xuntar no escenario a Nova Galega de Danza, Espido e Xabier Díaz, os discos gañadores, mesturando repertorios e iso deu lugar a unha conxunción interesante".