Noticias | Agenda

A melancolía galardonada

O escritor Xurxo Sierra recibe o premio de Narrativa Breve de Repsol en Galego pola obra ‘Os fíos’
0 votos
Entrega do premio de narrativa de Repsol Juan Varela

Entrega do premio de narrativa de Repsol Juan Varela

Os fíos conta a historia de tres persoas que se ven abocadas a vivir unha realidade coa que nunca soñaran, que se teñen que enfrontar a situacións que, até entón, non poderían serlles máis alleas. O seu autor, Xurxo Sierra, que onte recolleu o premio de Narrativa Breve de Repsol en Galego, conta que quixo falar dos cambios “con humor e melancolía”, aínda que non ten moi claro se o conseguiu. “Unha cousa é a intención que ten un cando escribe e outra o que fai e o que os demais entenden”, explicaba onte o galardonado.
É a súa quinta novela publicada, aínda que ten claro que, recibir un premio, significa moito máis que a recompensa económica e o ver a sía obra impresa; para el implica tamén distribución e unha difusión que non se acada se a historia non vai avalada pola opinión dun xurado que, de entre outras moitas novelas, escolleu a súa para distinguila como a mellor do ano.
Naceu en Caracas, aínda que escribe e fala en galego, e a súa novela pasea pola vida de tres persoas, de tres protagonistas que sofren unha casualidade e que os obriga a cambiar. “Atópanse en situacións extremas e, aínda que hai moita tristura, hai tamén un espazo para a ironía e o humor”, explica da súa obra Sierra, que recibiu unha dotación económica de 9.000 euros por este premio.
O Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido polo músico da Orquesta Sinfónica de Galicia Florian Vlashi, ofreceu, despois da entrega do galardón, un concerto no que interpretou un fragmento da obra de Haydn As sete últimas verbas de Cristo na cruz.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook