Noticias | Agenda

Conservadora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Xulia Santiso: "Pardo Bazán responde a moitas cuestións que aínda existen hoxe"

"Seguramente fose ela quen encargara o cadro a Joaquín Vaamonde para poder aparecer na prensa como ponente, nun sitio no que non eran admitidas as mulleres como socias"
02-06-2013 22:00
0 votos
A conservadora Xulia Santiso, na Casa Museo Emilia Pardo Bazán. / carlos pardellas

A conservadora Xulia Santiso, na Casa Museo Emilia Pardo Bazán. / carlos pardellas

A figura de Pardo Bazán segue crecendo máis de noventa anos despois do seu pasamento. A Casa Museo da ilustre coruñesa cumpre dez anos dende a súa reinauguración, que celebrou coa adquisición do cadro Unha lección de Dona Emilia Pardo Bazán no Ateneo de Madrid. Cátedra de Literatura Contemporánea, de Joaquín Vaamonde, publicado no 1897 no xornal Época. Un novo elemento que "permite saber máis de Pardo Bazán", salienta a conservadora da Casa Museo, Xulia Santiso.

-Que supón a adquisición do cadro de Vaamonde?

-Unha parte profesional importante, porque aquí hai moito do seu universo privado e tamén arquivo na biblioteca da súa faceta, aínda que nunca aparecía ela en público. Mesmo algunha fotografía dela escribindo a máquina ou traballando, pero non dando unha conferencia. O cadro ten importancia xa para ela, porque seguramente sexa ela quen encarga o cadro a Joaquín Vaamonde para poder aparecer en público como relatora nun sitio no que non eran admitidas as mulleres como socias. Ela quere que quede constancia visual na prensa para que se saiba e se vexa.

-Hai rexistros que demostren a gran expectación que causaban as súas conferencias?

-A Escola de Estudos Superiores marcan estas conferencias, unhas actividades que marcaban o Ateneo de Madrid entre 1897 -ano do que data o cadro- e 1907. Como eles cobraban unha subvención do Ministerio, tiñan que levar unha memoria de todos os actos que facían. Os datos que temos parten dun cadro inscrito nesta Escola, e é alucinante o feito de que Emilia Pardo Bazán tivese 825 alumnos inscritos en doce clases, mentres que Gumersindo de Azcárate contaba con 21 leccións e 243 alumnos, sendo o seguinte na listaxe. Falamos dunha cantidade de alumnos altísima. Ela fala unicamente de Literatura Francesa, que daquela era o máis importante que existía. Supuña o núcleo de onde saía toda a intelectualidade da época.

-Molestaban as intervencións críticas de Pardo Bazán?

-Eu penso que sempre molestaba, porque as súas intervencións sempre eran obxectivas e agudas. Golpeaba a realidade para que se apreciase en toda a súa dimensión, chamaba a atención sobre todo aquilo que non estaba funcionando. Era unha persoa combativa e polémica. De ser algo máis agradable coa sociedade en xeral, ao mellor sería menos dolorosa a súa presencia, pero non era capaz. Ela tiña que dicir o que pensaba. Nunca agrada a un só grupo, porque metía discordia entre os carlistas, os liberais, os feministas e os non feministas. Ten o seu propio espazo e defínese como un individuo autónomo. Isto na súa época tiña que ser alucinante.

-Como valoran estes últimos dez anos dende a reinauguración da Casa Museo?

-De xeito moi positivo. Somos un museo novo, onde aínda existen moitas áreas de actuación onde temos que intervir e moita colaboración con outros axentes. Pero a figura da nosa representada é moi grande, polo que estamos sempre recibindo cuestións ou curiosidades da xente. O nome de Pardo Bazán xa convence á xente, coñécena. O noso labor é o de presentala e mesmo actualizala. Involucrala na realidade actual e ver se responde aínda a moitas cuestións que existen. - dende logo que o fai.

-Probablemente chegue moita xente cunha visión pouco clara de quen era Pardo Bazán.

-Claro, ademais estamos afeitos a definir con conceptos moi amplios, a resumilo todo cun adxectivo ou dous. Aquí decátanse de que Pardo Bazán é unha personaxe moi plural, poliédrica, con áreas de actuación moi interesantes que van dende a súa faceta privada até a profesional ou emocional.

-En que traballa conxuntamente a Casa Museo coa Real Academia Galega?

-Penso que en case todo, no sentido de que pertencemos á mesma institución. Hai algo importantísimo, a RAG fúndase polas arelas de Rosalía de Castro, pero faise na casa doutra muller, que é Pardo Bazán. As orixes son as mesmas, mesma época e mesmos intelectuais. Se un vai ás orixes ten que ir a un territorio común, que é dende onde traballamos nós.

-Como recibiron a chegada de de Xesús Alonso Montero á presidencia da Academia?

-A verdade é que moi ben, porque hai moitas ganas de traballar e de que as cousas funcionen. Non é que antes non o fixesen, pero cando hai unha directiva nova sempre hai unha mirada ilusionante.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook