En palabras de Nelson Quinteiro, o gharbo é donaire, elegancia, graza no movemento corporal, xenio, arranque, autoestima, amor propio e incluso xenreira. "É unha palabra moi polisémica, moi do país, incorrecta e con gheada", describe o cangués, que colorea un mapa sobre a costa que vai dende o seu Morrazo natal ata a Costa da Morte. O venres levará o espectáculo e a música do disco Orquesta Gharbo ao teatro Colón a partir das nove da noite.

-Que hai detrás desta Orquesta Gharbo?

-É o disco dun actor e director que é cantante e viceversa. Chega nunha época de madurez, levo cantando en diferentes tipos de concertos dende os 18 anos. Hai materiais do primeiro grupo no que participei, Cabeza de Pau, ou do espectáculo Danza e Contradanza. É unha selección de todas as miñas experiencias. Hai un traballo moi de fondo.

-Rodeouse de músicos e colaboradores.

-Se no crowdfunding houbo bastante xenerosidade, á hora de contar cos músicos tamén. Tiven bastante sorte co equipo e a proposta musical é moi boa. Houbo días nos que me emocionei, porque nin eu mesmo agardaba que chegásemos a tal nivel musical nin de son. Ese son envolve todo, independentemente de que sexa un meneo, un tango ou unha peza angoleña. Hai unha cobertura de son en todos os temas que fan que funcione o disco de principio a fin.

-Esa variedade de sons evoca outros lugares?

-De feito Diego Ameixeiras describe no prólogo que o disco é como unha viaxe imaxinaria arredor do mundo, xogando cun globo terráqueo. Ademais de contar historias persoais cheas de intrahistoria, tamén evoca espazos e atmosferas. O segundo tema evoca o patio da Alhambra, Istambul e o Mediterráneo, sen embargo, o seguinte leva ao mar do Orzán, a Marola e A Costa da Morte. - de repente o seguinte chántate no medio de Coristanco sachando patacas.

-Síntese agora máis involucrado coa música que co teatro?

-Os dous sitios están feitos unha ruína. Está complicadísimo vivir en calquera dos dous. Son dos poucos que pode dicir que vivín case unha década das artes escénicas: da danza, do festival de cabaré... pero agora é unha odisea.

-O concerto do venres incluirá esa faciana cabareteira?

-É inevitable. Aínda que sexa un concerto, porque non deixa de ser música, tamén hai danza, unha posta en escena, escenografía e unha iluminación que se vai modulando peza a peza. É un espectáculo que trascende á esfera musical.

-Quen o acompañará sobre o escenario do Colón?

-Imos ser unha tropa! (ri). A xente non está acostumada a este tipo de espectáculos coa crise. Seremos doce músicos e un bailarín. Estará o meu quinteto, os colaboradores María Faltriqueira, Silvia Penide, o bailarín Iván Villar e o coro de homes Os Estalotes e Cantigas e Agarimos.

-A alternativa do crowdfunding funcionoulle?

-Si, pero xa comentei nalgunha ocasión que de ter que facer un novo disco, non o faría por crowdfunding porque require moito traballo de mobilización de recursos e promoción. É unha alternativa moi interesante e democrática, porque os individuos elixen se queren apoialo ou non. Hai xente que non coñezo de nada e aportou moi xenerosamente. Tamén vale para os que non teñen un padriño detrás ou que son politicamente incómodos. O obxectivo dos poderes sempre é monopolizar a cultura, e o crowdfunding aparece coma un ratiño para espantar ao elefante.

-Nas redes sociais conta cunha curiosa campaña de promoción.

-Un concurso, no que a xente debe sacar as fotos cos seus teléfonos móbiles. A temática é libre, aínda que ten que saír o disco. Despois deben enviarse ao meu correo electrónico ou etiquetarme ao Facebook ou Twitter. O premio é unha cesta de produtos gharbosos.