Mercedes Peón percorreu Galicia durante anos para recoller o partimonio cultural que gardaba a xente das súas vilas e parroquias. Ese tempo serviu para "atopar un motivo" polo que comezar a compoñer. "Non me deixei levar", apunta a coruñesa, autora de catro discos e merecedora de recoñemento internacional. O último deles chegou da World Music Charts Europe, que escolleu a Sós coma o quinto mellor álbum do mundo. Acompañada dun amplo abano de músicos e instrumentos, subirase ás táboas do teatro Rosalía de Castro este sábado a partir das 20.30 horas.

-Traballa coa arquitectura do espazo para amosar a súa música. Como prepara unha actuación site-specific no Rosalía?

-É un concerto no que, dentro do formato estrito que serían as composicións musicais, estou abrindo portas á improvisación e á comunicación. Para iso é necesario estar en sintonía co lugar. Hai criterios conceptuais nos que, con certo mimo cara artistas que habitan na Coruña, pretendo mesturar todo iso. O teatro e o Concello ofrecen unha actitude moi acolledora, incluso os propios traballadores. Créase un ambiente para poder accionar certos mecanismos para que acontezan cousas. Esa é a idea do artista, logo se acontece xa se verá (sorrí).

-Agarda deixar pegada co que vai transmitir na función?

-Non son unha persoa pretenciosa. Penso que os artistas e a xente creativa en xeral buscamos comunicar. Eu son unha formiguiña, hai persoas marabillosas que nos marcan, pero penso que actualmente iso non se dá cos liderados senón cos movementos sociais. Cuestiono e dubido que unha soa persoa poida deixar pegada. Agás algúns que marcaron momentos históricos, pero para nada teño unha pretensión así.

-Aínda que si tentará romper coa cuarta parede coa participación do público.

-É que veño dunha parede xa rachada. Dígoo no senso de ter visto unha inmensa beleza na creación colectiva que aínda vexo. O teatro Rosalía é un teatro antigo feito para a exposición, para ter distancia co público. Pero tamén é un lugar feito para que os artistas se expresen, por iso non utilizo termos tan rupturistas. Para min está todo máis cheo de capas: ideas, contradicións, convivencias, extremos?

-Dixo que o do sábado non será a presentación de Sós, senón un concerto de Mercedes Peón.

-A linguaxe que vou utilizar é a de Sós, pero para poder abrir portas a unha comunicación co que vai acontecer alí. Estou dando un soporte para mesturarme con outros artistas e outras opcións, plasmando mundos posibles.

-No disco pasa por Brasil, Marrocos ou Suecia, como translada esa viaxe ao escenario?

-Con bastante dificultade e moito traballo previo. Emprego moito o acústico elevado ás ondas sonoras e o electrónico achegado ao acústico, tratando de facelo moi arquitectónico e espacial. Son paisaxes sonoros que fun gravando e despois lanzo no escenario. Todo está producido para o teatro, para ese momento e ese sitio. Faise pensando moito e adecuando ao lugar, sen ter medo a usar paisaxes ruidísticas coma se fosen fondos de harmonía.

-Semella moi simple falar só dun concerto.

-Por que me dan a posibilidade. A min Galicia permítemo. Este é un disco no que pasei por medio mundo, pero quen me da a posibilidade de facer estas intervencións é a miña terra. É marabilloso. Son persoas moi abertas e sensibles, a diferenza do que se adoita dicir. En Galicia hai unha sensibilidade brutal para calquera tipo de expresión. Aquí, os programadores e programadoras permítenme facer todo facer todo isto.

-Refírese ao que vostede quere facer?

-Tampouco é iso? fago o que podo máis co que quero. Ao mellor o resultado non é exactamente o que quero porque, ou non fun capaz ou non o planeei ben. Dende logo farei todo o que poida para transmitir unha idea.

-Considérase unha artista militante?

-Para eu ser militante debería ser menos contraditoria. Son unha artista que, como tantos outros artistas e escritores que hai, expoño mundos posibles. Todos vivimos en mundos ficticios, é compricado falar do que é natural e o que non o é. O que si teño e o dereito a expresarme con liberdade.

-A súa decisión de deixar de publicar discos é definitiva?

-É algo reflexionado, non sei se será realmente así porque moita xente pideme que siga publicando. Pero cuestiónome por que é necesario e cales son os derroteiros da industria discográfica. No meu caso sempre está a dúbida de se continúo ou non. Dende logo que polo de agora si, porque estou moi mergullada nun traballo novo. Aseguro que vou seguir, pero o formato CD aínda non estou moi segura.