-Como é este Lucecús,

-O disco é moi alegre, está pensado para cantar, para divertirse, pero tamén para escoitar, porque as letras din cousas. Procuramos sempre que os nenos poidan cantar as letras e aprendelas pero tamén que as entendan. Tratamos os nenos como as persoas intelixentes que son, tanto nas letras coma nas músicas. Ás veces as cancións infantís pecan de simplonas.

-E partindo desa premisa, que cancións saen?

-Pois hai un percorrido por personaxes da nosa tradición, como o Apalpador e o Pedro Chosco e aparecen tamén os contos do padriño, que son breves e simpáticos que non son máis ca unha invitación para que os cativos, despois, fagan os seus. Hai un conto, por exemplo, que fala dunha bruxa boa, que viaxa en vasoira e que come lacón con grelos. Sempre lles meto cousas nas letras que falan da nosa cultura para que se identifiquen co país. Temos tamén un xogo, O mundo do revés, no que hai un príncipe panadeiro, no que unha princesa está a varrer, hai un alcalde que vai en bicicleta e un ministro que anda a pé. É unha licencia para os tempos que corren.

-E contan coa colaboración de Lydia Botana, Bolboreta, e María Xosé Silvar, BolboretaSés.

-Lydia canta un reggae dun barco que vai polas nubes e Sés canta un blues, sobre as estacións do ano. E hai outra, na que Pirilampo vai ao mercado, na que se establece o diálogo cun neno que quere ir con el. Cando chegan, descobre que é no mercado onde se compran as cousas. A canción do tío Nicanor cántaa Antía, que ten nove anos, e nela, o que fai é visitar un zoo de fauna galega dun xeito moi alegre, e ve que hai un ourizo cacho, un niño de ratos dentro dun calcetín, unha donicela que vai en bicicleta... Hai outro tema que a min me interesaba moito tratar e é o dos nenos cando comezan a camiñar. Eu sempre intento fixarme nas cousas e, cando vexo algo que me parece gracioso, apúntoo e póñome a traballar niso. Esta canción ocurréuseme en Cáceres porque unha nena se soltou da man da súa nai e veu camiñando comigo un pedazo.

-Son cancións con moito vocabulario, están pensadas para fomentaren o uso do galego desde a infancia?

-Ese é o leit motiv do disco desde o punto de vista lingüístico, que aprendan moito vocabulario en galego, sempre o fixemos así. De feito, o primeiro disco utilizábase nos cursos do Celga porque había nomes de árbores, de peixes, de froitas, de aves... No disco hai outro tema, que se chama Sol, que fixo un compañeiro para unha nena que se chama así e que sendo moi diferente, encaixa perfectamente.

-Como responden os cativos?

-Até o de agora, para nós, é unha felicidade. Nós tratamos de motivalos para que canten e para que bailen. Hai algunhas cancións nas que eu xa non canto o retrouso, porque, despois de ensaialo un pouquiño, xa o canta o público.