Noticias | Agenda

Teatro

"Interpreto a unha prostituta do Papagayo dos anos 40 que escribe por necesidade vital"

"O xeito de amar e relacionarse dos protagonistas da obra constitúe unha ofensa de cara á sociedade da época" - "O meu personaxe é un sorriso fronte ao oscurantismo", comenta a actriz galega Sara Casasnovas
15-01-2016 00:15
2 votos
A actriz Sara Casasnovas. la opinión

A actriz Sara Casasnovas. la opinión

A actriz galega Sara Casasnovas interpreta na obra teatral Palabras Malditas a unha prostituta na Coruña dos anos 40 que atopa nun profesor experto en poesía francesa, interpretado por Miguel Ínsua, a oportunidade de poder expresarse a través da literatura. A estrea absoluta da obra será hoxe ás 20.30 horas no teatro Rosalía de Castro, cunha segunda función mañá á mesma hora.

-A obra, aínda que inspirada na vida da poetisa mexicana Clara Campos, ambiéntase na Coruña da posguerra.

-Si. Clara, a miña personaxe, gáñase a vida como prostituta na rúa do Papagayo nos anos 40, e escribe por necesidade vital.

-Cal é o trasfondo de Clara?

-É un ser marxinal, pero ao tempo é un sorriso fronte ao escurantismo, unha flor na lama. Albérgase nunha pensión na rúa Panaderas, e fundamentalmente a obra é a relación entre ela e un profesor que se atopa nesta pensión. Atopan a súa redención a través da poesía.

-A súa relación ten un carácter sexual, amoroso, de amizade?

-Comprende todo iso e moitas outras cousas, pero tampouco se define nun título. É unha relación que será amizade, será amor, será compaixón... O propio personaxe di que non sabe o que é pero que nunca se sentiu tan preto doutro ser humano como nesta ocasión.

-Pero hai unha diferenza moi importante de idade e de educación entre ambos personaxes. Non constitúe unha barreira para a súa relación?

-O salto xeracional é unha cuestión interesante, pero máis que barreira é unha oportunidade de recoñecerse a si mesmos. Clara escribe para si mesma, non sabe que é o que está ben ou mal, e Vicente, o personaxe de Miguel Ínsua, é un profesor que coñece a ortografía, ten estudos? A historia é un pouquiño Pigmalión, Educando a Rita, My Fair Lady. É sacar de Clara o que ela mesma ten, a través da poesía, da escritura, e permitirlle sentirse orgullosa diso en vez de agochalo. Vicente permítelle isto.

-Xa fixo papeis ambientados nesta época, como en Amar en tiempos revueltos ou Gernika bajo las bombas. Cales son os seus referentes para interpretar a unha muller dos anos 30 ou 40?

-Miro sobre todo referentes no cine. Clara criouse cunhas monxas cando era moi pequena pero logo se viu a prostituír. Ten unha máscara social que lle permite comportarse como unha señorita, pero realmente na súa intimidade compórtase doutra maneira que resulta máis aloucada para a época.

-Clara é unha prostituta, e iso vese como algo vergoñento e causa de marxinación.

-Para Clara é o seu xeito de gañarse a vida, non hai xuízos pola súa parte acerca disto. Pero a obra apunta á perigosidade e a indefensión que encara, ao non estar amparada a prostitución a nivel xurídico.

-Os personaxes posiciónanse no espectro político?

-Si, a verdade é que si. Ás veces hai un perigo de caer en algo maniqueo, os bos son os roxos, os malos son os outros? Non se trata diso. Os personaxes son persoas, son humanos, e retrátase unha humanidade, non unha identidade forte política en ningún deles. Pero si que o seu xeito de amar, o seu xeito de relacionarse, a súa liberdade, constitúe unha ofensa de cara a sociedade. Están castigados por unha presión social que os converte en seres marxinais.

-Vén de protagonizar o thriller Tercer Grado, e está dirixindo a súa primeira curtametraxe.

-Si, a finais de xaneiro agardo poder lanzalo e comezar a distribución por festivais. O guión é propio, baseado nun relato de Antonio Rojano. Trata de dúas criaturas famentas que viaxan pola eternidade da súa natureza rabiosa conducindo Cadillacs e fuxindo do Sol. A experiencia foi intensa, dunha grande aprendizaxe, e desfruteina moito. Escribir e dirixir proxectos propios paréceme un paso natural, no meu caso.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores 

Encuentra los eventos de