O humorista gráfico Luis Davila, O Bichero en su faceta de humor gráfico, regresa aos escenarios xunto co actor Carlos Blanco para seguir cociñando escenas retranqueiras. Trala boa acollida do seu espectáculo Menú do día, a parella repite con Menú da noite, que chegará ao teatro Colón o próximo 17 de xuño ás 20.30 horas e o 18 ás 20.30 e ás 22.30 horas.

-Neste menú escénico, o prato máis aclamado son os monólogos ou os debuxos?

-Todo no seu conxunto; xa que moita xente coñece por un lado o meu humor gráfico e outra coñece a Carlos polo seu traballo como actor e o que busca o público é esa combinación de traballos, pola curiosidade de ver que sae dos dous.

-Hai un menú para cada escenario que visitan?

-Ten parte de improvisación, porque procuramos levar cousas frescas do día, pero despois partimos dunha estrutura fixa. En Menú do día tiñamos pratos un pouco máis longos e con Menú da noite propoñemos máis petiscos, números máis curtos e dinámicos.

-Como é para un humorista gráfico enfrontarse á reacción inmediata do público?

-Para min foi unha gran novidade, porque supuxo saír dun espazo coma o estudo da miña casa e de agardar a resposta ao teu traballo ao día seguinte, a tela de forma instantánea. A verdade é que é moi gratificante, e me axudou a tranquilizarme a primeira vez que subín ao escenario.

-Haberá un terceiro menú?

-Seguramente, agora estamos centrados neste, e trataremos de espallalo por Galicia o máis que poidamos, e a ver se podemos levalo ao estranxeiro como o Menú do día, que estivo en diferentes lugares como Escocia, Londres, e estará en Portugal.

-Como foi a acollida dese espectáculo no estranxeiro?

-Boísima, porque imaxínate o que é o humor galego para unha comunidade de galegos tan grande como hai en Londres ou en Edimburgo. En Londres enchemos un teatro con case catrocentos galegos que o pasaron pipa e foi moi emocionante, porque é como se lles chegaras alí cun prato de percebes.

-Que sentiu ao ver as súas viñetas traducidas ao italiano?

-É curioso, porque ás veces hai viñetas que tratan temas completamente exportables, como as que falan da crise. Eles aceptáronas como súas e no momento no que as traduciron valéronlles perfectamente para abordar esa situación tamén en Italia, seguro.

-Participou na revista humorística Retranca. Coida que sería factible volver lanzar este tipo de publicación en Galicia?

-A verdade é que se bota en falta, porque era un producto feito aquí e moi bo. Retranca levou un revés cando veu a crise e non puido remontalo. Pero penso que estaría moi ben volver a retomalo e que alguén decidise volver a xuntar a unha vintena de debuxantes coma éramos daquela e facer unha publicación en galego e para os lectores galegos.