A Asociación Cultural Donaire nacía hai dezaseis anos coa vontade de reunir a alumnos de tódalas idades arredor do gusto polo baile e o cante galegos. O próximo 18 de xuño, a agrupación celebrará a partires das 17.30 horas no Fórum Metropolitano o IV Festival Dálle Donaire, un encontro no que tódolos cursos da Asociación amosarán os seus traballos.

A idea desta celebración xurdiu no décimo aniversario da Asociación, momento no que se "fixo unha gala de aniversario para conmemorar esa data destacada" como explicou a vogal do grupo da Asociación Donaire, Natalia Pérez. Ese festexo deu lugar, ao ano seguinte, "ao Festival Dálle Donaire coma un xeito de repasar todas aquelas actividades que os alumnos foran facendo durante todo o curso, tanto os pequenos coma os maiores".

Pérez explica que cando a asociación comezou a dar os seus primeiros pasos a finais do ano 2000, "había moi poucos membros, e prácticamente non había alumnos pequenos, cando agora son os que máis se apuntan". Ao longo de todos estes anos, entre socios e alumnos, Donaire reuniu a "unhas duascentas persoas".

En canto á organización das clases, a asociación dispón dunha "vintena de grupos" compostos por alumnos de diferentes idades, desde os máis pequenos de "entre tres e catro anos", ata os adultos, todos eles de diversa procedencia: "Entre os alumnos hai xente da cidade, e de zonas como Sada, Oleiros, Arteixo ou Curtis, así como xente que ven de fóra de Galicia desde comunidades como Asturias ou Castela e León", explica a vogal do grupo.

As clases da escola da asociación lévanse a cabo "de outubro agosto", e nelas inclúense actividades musicais como "baile, pandeireta, percusión, gaita e acordeón", así como obradoiros artesáns de bordado e bisutería".

Os próximos 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, a asociación celebrará as II Xornadas Infantís Donaire no centro cívico de San Diego (Parque San Diego, s/n) de 9.30 a 13.30 horas. Esta sorte de campamentos, que terán uns prezos entre 50 e 60 euros, están pensados para "tratar de conciliar a vida laboral e a familiar dos socios e simpatizantes da asociación cultural".

Lonxe de competir por reunir a un maior número de alumnos e socios, a asociación colabora con outras entidades musicais "tanto da cidade coma da súa contorna". Con asociacións coruñesas como a de Xacarandaina ou Son d'aquí, "colabora na organización das foliadas de Árdelle o eixo".

As entradas para asistir o próximo 18 de xuño á cuarta edición do Festival Dálle Donaire no Fórum Metropolitano poderán ser adquiridas a partires dos 2 euros.