Guionista de filmes de animación premiados como Engurras ou O bosque animado, sentira-la súa maxia do que tamén foi director, o coruñés Ángel de la Cruz vén de publicar o libro La escalera de papel. Los primeros pasos hacia el Goya, un traballo no que explica as súas experiencias e técnicas na escrita no sector audiovisual. O autor presentará a obra esta tarde ás 19.00 horas en Fnac.

Esta incursión literaria de Ángel de la Cruz parte duns cursos de guión que o creador comezou a impartir no ano 2001, un proxecto didáctico que foi medrando co paso do tempo dando lugar a unha extensa colección de apuntes: "Últimamente, nas clases que daba me preguntaban se os tiña publicados e decidín convertilos, tras quince anos, nun libro onde, ademais dos propios apuntes, conto moitas anécdotas de películas nas que participei ou citas doutros autores de prestixio no mundo do guión", afirma o autor.

Deste xeito, De la Cruz diversifica o público da súa obra de maneira que non a limita a ser pasto de lecturas estudantiles, senon que pode chegar a ser de interese para "calquera cinéfilo que queira coñecer como son algunhas das formas de traballar dos guionistas".

Lonxe de seguir parámetros e normas preestablecidas, Ángel de la Cruz comezou a sumerxirse no mundo da escrita de ficción por intuición: "O talento é algo que se vai adquirindo coa experiencia, o que si se pode aprender son determinadas técnicas que nos axuden a ir sobre seguro e non perdernos na propia escrita", explica. Para evitar esta dispersión durante o proceso creativo, De la Cruz aposta por un traballo estructurado, de ahí á "escaleira de papel" á que fai referencia o título da súa obra, unha maneira metafórica de avogar por unha técnica na que é necesario "subir de un a un os chanzos e non lanzarse á escritura ao momento de ter a idea".

O autor, máis aló de concebir este traballo coma un manual, céntrase en describir os seus propios procedementos na escrita, desde que trucos utiliza para desbloquearse e dar ás á imaxinación ata como "escribir unha boa sinopse".

O libro está dividido en tres partes que abarcan "a creación e xeración de ideas, a escritura do propio guión e a súa posterior venda", unha última parte que entronca coa súa labor de productor: "Se o propio guionista é quen de poder vender o seu traballo a un productor, este último vai coller moitas desas ideas para poder vender o proxecto e atopar financiamento".

A respecto do valor que se lle outorga na actualidade á figura do guionista, Ángel de la Cruz afirma que, a pesares de que "cada vez ocorre con menor frecuencia", estes profesionais, imprescindibles na orixe das "historias e orzamentos" de calquera iniciativa audiovisual, "en xeral, seguen a estar mal pagados, porque coincide que están presentes no momento en que comeza o proxecto, un dos instantes nos que menos cartos hai".