O ilustrador coruñés Miguelanxo Prado exerce como director de Viñetas desde o Atlántico desde a primeira edición do festival. Nesta nova fornada, Prado participa por primeira vez como autor exposto a través da mostra Miguel en Cervantes. El retablo de las maravillas.

-Na presentación do festival, fixo referencia a que esta será unha edición en crise.

-Levamos xa prácticamente catro edicións en crise. Esta situación dase porque a sociedade está en crise e hai que mirar ben onde se gasta o diñeiro público, algo comprensible, pero iso conleva limitacións que polo de agora fomos máis ou menos sorteando; o nivel do festival se mantén.

-De que elementos do festival se negaría a prescindir?

-Os elementos irrenunciables son o cartel, que non pode baixar dese nivel que temos, ten que ter algunha figura incontestable de carácter internacional, autores e autoras de carácter nacional e estatal con peso específico e longo percorrido, e dar cabida ao cómic emerxente. O conxunto de convidados e o de exposicións é intocable.

-Este ano participa como autor na exposición Miguel en Cervantes a través dunha semblanza biográfica do autor. Como foi a producción deste traballo?

-Cando chegou a nós, a exposición estaba moi ben definida. Eu tiña que axustarme a un modelo de trinta e seis imaxes que corresponderan coa versión que David Rubín creou sobre El Retablo de las Maravillas. Tiña que recoller trinta e seis momentos da vida de Cervantes e, francamente, aínda que me considero unha persoa lida e formada, recoñezo que un oitenta por cento do que aprendín preparando esta exposición non o coñecía; hai detalles da vida de Cervantes que son alucinantes e deixan en pouco as aventuras do Quixote. A súa vida foi unha aventura trepidante de principio a fin.

-Outra das propostas desta edición é a do cómic social. Animouno a centrar a mirada neste ámbito a publicación súa última obra, Presas fáciles, centrada na problemática dos desahucios?

-Non, é máis, este ano, cando comezamos a facer o deseño do programa non tiñamos unha liña central da que ir pendurando os autores que queriamos convidar. Foi xurdindo porque fichamos a Claremont, co que tiñamos a un grande guionista do cómic de superheroes, e había moito tempo que queriamos traer a autores como Jorge González. A partires de ahí, entre a xente nova que está adquirindo recoñecemento, vimos que era abrumador ese elemento de sensibilidade política e social. Mesmo nos decatamos de que Claremont é un dos poucos autores do mundo dos superheroes que de xeito constante nas dúas obras inclúe elementos sociais, así que podería encaixar perfectamente dentro dese plantexamento.

-Que supón a inclusión dun punto tan significativo como a Torre de Hércules nos espazos expositivos do festival?

-É unha vella reivindicacón de Viñetas desde o primeiro momento. Efectivamente, hai un centro neurálxico, como é o Kiosco Alfonso e os outros espazos expositivos, pero sempre quixemos xogar esa carta da complicidade de toda a cidade. Cantos máis espazos se sumen, mellor, e o feito de que un deles sexa a Torre de Hércules, que é claramente o noso mascarón de proa, é maravilloso. É o único elemento que todas as persoas que fan o cartel do festival saben que é innegociable, así que o feito de expoñer os carteis alí é como pechar un círculo.

-O próximo ano, o festival cumprirá vinte edicións. Están a argallar algo significativo para este vixésimo aniversario?

-O primeiro que estamos é tentando pechar determinados nomes da parte principal do festival. Canto antes fagamos iso, máis liberados quedaremos para pensar noutras opcións. Aí será importante ver a dispoñibilidade orzamentaria, e nese sentido eu confío nas palabras do edil de Culturas, que garantiu que se faría un esforzo para poder sinalar eses vinte anos dunha maneira digna. Por outra banda, barallamos a incorporación das bibliotecas, que contan con xente moi voluntariosa que leva moitos anos traballando a prol do cómic. Trataremos de conseguir artellar un xeito de traballo en común para desenvolver ao longo de todo o ano, con animacións ou posibles visitas.