As primeiras batas coas que Amancio Ortega comezou a tecer o imperio de Inditex son un ben moi escaso. Tanto que nin a propia multinacional de Arteixo conta cun exemplar, pese a que forman parte do seu ADN e resumen unha parte da historia recente de Galicia. Unha das poucas que se conservan, atopada milagreiramente nunha mercería de Porto do Son, é un dos obxectos que compoñen a exposición Galicia Cen. Obxectos para contar unha cultura, que desde onte se pode ver nas instalación de Afundación, no Cantón Grande.

A mostra, promovida polo Consello da Cultura Galega, fai un percorrido integral pola historia da cultura do país, parándose nas xoias de aristócratas e persoeiros do pasado mais tamén nos obxectos que foron marcando a cotidianeidade dos estratos máis baixos da pirámide social. As vitrinas albergan pezas que van desde o Paleolítico inferior até o os anos 90. Desde un requintado xadrez de oito pezas de cristal talladas no Exipto fatimí e que chegou a Galicia aló polo século XII por encargo dunha familia potentada de Celanova até un dos futbolíns máis antigos que se preservan, datado dos anos 50, seguindo o deseño que, conta a tradición, foi ideado nos tempos da Guerra Civil por Alejandro Campos, popularmente coñecido como Alexandre de Fisterra.

Os expositores de Afundación tamén ofrecen unha reflexión sobre o poder do Estado e a súa capacidade para crear mitos. Por iso se atopan expostos de forma conxunta a Mariscala, a cadea coa que se cre que estivo preso o Mariscal Pardo de Cela antes da súa execución por orde dos Reis Católicos en 1483, marcándose o inicio da Idade Moderna en Galicia, e o fúsil que portaba polos montes na posguerra Benigno Andrade García "O Foucellas", o guerrilleiro antifranquista máis famoso que foi executado pola dictadura en 1952 na Coruña. "Ás veces, cando se executa a algunhas persoas, créanse mitos nunha dobre dirección. Nas familias franquistas ameazábase aos nenos con iso de 'Aí vén o Foucellas' para que se durmisen. Entre a xente obreira, porén, dicíase 'ti es un Foucellas' para referirse a que alguén era moi bravo", asegura o comisario da exposición, Manuel Gago.

A Coruña e a comarca tamén deixan a súa pegada nesta particular versión da historia cultural galega. A cidade faino da man dos antigos veciños de crenza xudea que, por volta do 1476, escribiron a Biblia Kennicott, da que se expón unha réplica e que está considerada unha obra mestra da escritura medieval. O seu nome, tan pouco galego, débese a que foi comprada despois de máis de 250 anos perdida polo coengo da Igrexa de Cristo de Oxford, Benjamin Kennicott. As Irmandades da Fala de Betanzos deixan a súa impronta coa bandeira da súa Irmandade, a única que se conserva íntegramente a día de hoxe daquela organización que marcou o inicio do nacionalismo galego e que pulou pola normalización da lingua galega.

Foron aqueles promotores das Irmandades, como Xoán Vicente Viqueira, Antón Vilar Ponte ou Vicente Risco, quen acuñaron o lema de "Galicia, célula da universalidade". A frase recobra o seu sentido nesta mostra cos obxectos que amosan unha Galicia en grande parte creada e imaxinada desde o exterior. Aí está o que se considera o primeiro mapa do Reino de Galicia, debuxado desde México polo sacerdote dominico ourensán Hernando de Oxea, a inicios do século XVII; un exemplar dun vinilo de lousa con cancións populares galegas, fabricado en Bos Aires nos anos 20 para saciar a fame de productos culturais da terra por parte dunha colonia galega cada vez máis grande; ou o baúl tradicional do emigrante que tamén por aqueles tempos marchaba cargado de roupa para voltar anos despois cheo de ideas.

Esa retroalimentación entre os emigrantes e Galicia, que representaron os coñecidos como indianos, queda patente no home clástico do doutor Auzoux. Trátase dun corpo humano construído con papel maché coloreado que foi adquirido a finais do século XIX para o Colexio de Ensino Medio de Cee polo filántropo indiano Fernando Blanco de Lema, natural desa localidade.

Outra das xoias que preside unha das salas da exposición é a bandeira orixinal do Consello de Galiza, o organismo con sede en Bos Aires que reuniu aos principais persoeiros do exilio político galego e galeguista despois da Guerra Civil. A bandeira acompañou a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao por toda canta conferencia impartiu polo continente americano e foi tamén a enseña coa que foi finalmente enterrado.

O horario de apertura da exposición, que se clausurará o 7 de xaneiro, é de luns a venres de 17.00 a 21.00 horas e sábados e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Con todo, o aconsellable é viaxar por esta mostra nas visitas guiadas que se organizan os xoves e venres. Nelas poderanse descubrir as intrahistorias e pegadas invisibles destes obxectos que, desde o pasado, constrúen a Galicia de hoxe.