Noticias | Agenda

Un século da estatua de Pardo Bazán en imaxes

A Casa-Museo da escritora inaugura no Cantón '100 anos de historias', unha mostra fotográfica co monumento á autora como pano de fondo
14-10-2016 22:54
3 votos
Una de las fotografías cedidas para la exposición, tomada en 1964. la opinión

Una de las fotografías cedidas para la exposición, tomada en 1964. la opinión

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán lanzaba o pasado verán unha convocatoria coa que pretendía reunir un conxunto de fotografías que amosaran a evolución da cidade a través dun século co monumento á escritora coruñesa situado nos xardíns de Méndez Núñez como fío condutor. Así naceu a mostra 100 anos de historias. O monumento a Emilia Pardo Bazán como pano de fondo. 1916-2016, que se inaugura hoxe ás 12.30 horas no Cantón Grande.

En total, reuníronse 197 instantáneas cedidas por 125 doadores, que abarcan desde o "mesmo momento da inauguración do monumento ata máis aló dos Pokémon que houbo aloxados nel", como explica a directora da Casa-Museo, Xulia Santiso.

Ademais de servir como un relato colectivo a través do soporte visual, a exposición contará cun carácter individual e humano reflectido nuns pes de foto que explicarán cada unha das historias que se foron sucedendo durante un século ante a atenta mirada da autora de La tribuna."Foi difícil sistematizar porque hai moitas cores, tonos, historias, formatos e autorías, pero hai unha exposición coa apariencia dun álbum de fotos e ordenada cronolóxicamente en tres bloques", apunta Santiso sobre a apariencia da mostra.

O emprazamento ao aire libre da exposición non é casual. Santiso apunta que a vontade era realizala "de espazo público a espazo público". A directora destaca o feito de que toda a cidadanía poida coñecer a relevancia do monumento para A Coruña: "Hai monumentos que obviamos, pero este está incorporado á historia da cidade e o feito de poñerlo a pe de rúa é importante, xa que é onde coincidimos todos", e engade que "a grande historia faise con historias pequenas", polo que cada persoa que achegou a súa fotografía para crear esta mostra está a escribir unha páxina dese relato común.

Santiso destaca que na configuración da exposición influiu en boa medida a difusión da convocatoria. "Se a prensa escrita non estivera atenta a nós, non teríamos o eco que tivemos", sinala a directora do museo. O resultado da exposición ficará recollido nun catálogo que publicará a Deputación de A Coruña. No libro, que terá carácter gratuito, estarán incluidas, ademais das propias fotografías da mostra, as imaxes dos obxectos que algúns dos participantes cederon ao centro museístico para completar o significado das súas instantáneas.

Outros dos proxectos que a Casa-Museo ten previstos para os próximos meses é o de realizar un "un inventariado dos libros de Emilia Pardo Bazán dispoñibles nas Torres de Meirás", un traballo que complementarán coa preparación dun "espazo expositivo para Pardo Bazán e a súa obra La tribuna, a novela española baseada no proletariado e na que sae a palabra Marineda, que estará dispoñible na Audiencia Provincial".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook