Noticias | Agenda

Teatro

"A emigración é un drama, pero ás veces o drama plantéxase mellor coa comedia"

"A marcha do país é un tema que toca moi de preto ao público" - "A xente vai verse reflectida, porque todos levamos un emigrante dentro"
27-01-2017 00:35
0 votos
Mercedes Castro, como Luisa en 'Get Back'. marcos pereiro

Mercedes Castro, como Luisa en 'Get Back'. marcos pereiro

A pegada nómade na alma do galego é o tema arredor do que xira Get Back. A obra, que esta tarde ás 20.30 horas se representa no Teatro Rosalía de Castro, ilustra a través de 4 galegos que marcharon a vivir a Londres as distintas caras da migración, tomando como punto de partida a detención imprevista do metro no que todos viaxan.

-Un dos obxectivos desta obra era afastarse dos tópicos que se adoitan empregar para falar dos galegos inmigrantes. Como o fixeron?

-Si, queriamos afastarnos deses tópicos relacionados sobre todo coa antiga migración galega. Para iso centrámonos na migración contemporánea, a nova vertente xurdida da crise. Tratamos de afrontala desde o humor e non como unha historia dramática porque, aínda que o sexa, ás veces o drama plantéxase mellor a través da comedia.

-Os galegos sempre foron bastante nómades. En que se diferencia esa migración contemporánea da que había antes?

-A situación é diferente, as comunicacións son outras. Antes un marchaba desde unha aldea remota, collía un barco a Cuba, e xa non podía falar coa familia. Hoxe iso non pasa, hai outras facilidades que fan menos dramático o feito de marchar. Coas novas tecnoloxías e os avións low cost podes manter un contacto máis constante cos teus, ou volver a casa en dúas horas se a economía o permite.

-A migración mudou desde aquela, tamén vai mudar a visión que o público ten dela con esta obra?

-Eu creo que si. É unha historia que fai que o espectador pense a medida que os feitos se desenrolan, e que fai incluso que se vexa reflectido porque, queiramos ou non, todos levamos un emigrante dentro, xa sexa un parente, un fillo... É unha situación que toca moi de preto ao público.

-Non só se inspira na realidade, senón que ten detrás un traballo de investigación.

-Si. O periodista Camilo Franco foi a Londres para falar con xente que marchara alí, algo que serviu para a escrita do texto e para a construción das personaxes. Moitos dos feitos que aparecen na obra están baseados en asuntos reais, por exemplo a causa de detención do metro. O vagón para porque hai unha persoa que se tira á vía, e iso é o que desencadea que as personaxes estean alí, encerrados durante case una hora e media. Iso pasoulle de feito a Camilo Franco nunha ocasión. Quedou pechado no metro porque alguén suicidárase.

-Esa parada imprevista do metro provoca que os inmigrantes comecen a falar, como vai ser esa interacción?

-A parado do metro supón para as personaxes unha parada tamén emocional, que fai que se replantexen as cousas. É dicir, que ao final, estar alí pechados, empezar a coñecerse e tamén a enfrontarse, terá unha saída positiva.

-Non todos son galegos, tamén hai un inglés, por que?

-O fixemos para dar tamén a visión do país que acolle, non só a dos inmigrantes.

-Os da obra son uns inmigrantes que están en Londres por motivos distintos, cales?

Cada un marchou cun obxectivo diferente. Un quería facer negocios, outro quería escalar no mundo laboral, outra é unha licenciada que busca traballo do seu pero que acaba servindo mesas... E logo estou eu, Luisa, que marchou por amor, en busca de aventuras. Pero ese vivir a vida pasoulle factura e agora se atopa alí, fuxindo do seu pasado.

-Coa detención do metro todos van facer un alto na súa vida. Ao final da representación, o metro volverá andar?

-Si, ao final si e, con el, cada personaxe sairá modificado dalgún xeito.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook