Quico Cadaval e o seu equipo de Produccións Excéntricas levan hoxe ás 20.30 horas ao Teatro Colón todo un fito para as artes escénicas galegas: A cabeza do dragón, a primeira versión que se fai dunha obra de Valle Inclán na lingua da súa terra, o galego.

- As obras de Valle Inclán téñense representado en varios idiomas, pero nunca en galego, por que?

-Porque ata o ano pasado os dereitos da obra de Valle Inclán pertencían aos seus herdeiros, que impedían que se representasen as súas obras en galego, euskera e catalán. Pero desde este ano os dereitos pasaron a dominio público e desapareceu a prohibición, así que coma fans de Valle quixemos facerlle esta pequena homenaxe. É unha festa que o teatro galego se atope con Valle Inclán.

- Levaban moito tempo agardando representala?

-Moito. Agardábamos un cambio de actitude ou que se extinguisen os dereitos, e iso último foi o que pasou. Estabamos interesados en máis obras de Valle, pero eu estudara A Cabeza do Dragón con Xoán Cejudo, o meu mestre de teatro, a finais dos 80 e de cando en vez a lembrabamos e queriamos fincarlle o dente.

- Como se senten ao ser os primeiros en facelo?

-Non teño ningún orgullo especial por sermos os primeiros. Aproveitamos a oportunidade, pero non creo que sexamos mellores artistas que outros. O que si creo é que houbo unha celebración de toda a profesión teatral de Galicia co noso espectáculo. Nese sentido síntome moi ben, ao pensar que fixemos algo que era unha reivindicación de todos.

- E como foi levala a escena? Dixo que acertar co ton foi difícil.

-Porque esta obra parécelle infantil a moitas persoas. Baséase na lenda do dragón que vai comer a unha princesa, cun cabaleiro disfrazado de mendigo pero que realmente é un príncipe e que se enfronta ao dragón? Ten esas formas da lenda medieval, pero ao mesmo tempo ten elementos de crítica social e de farsa onde se vai destruíndo ese conto inxenuo. Está entre o melodrama e a farsa, e hai que saltar dun lado para outro, ás veces na mesma personaxe.

- Fala da crítica social. Actualizaron esa clase de comentarios na obra?

-Hai moita xente que ve a obra e cre que eu lle metín algunha frase para tratar a actualidade, pero non é así, estaban no texto orixinal. Por exemplo: "En España, solo no Congreso fan graza as pallasadas". Esta é unha liña literal da obra que a moitos parécelles un anacronismo. Logo tamén hai bromas sobre a monarquía constitucional, que non debemos esquecer que estamos na mesma. Estamos cos mesmos Borbóns, co bisneto do rei que había no momento no que Valle Inclán escribiu isto.

- O estilo da súa versión móvese entre a influencia xaponesa e a tradición da farsa europea. Por que esta mestura?

-Unha das características das historias lendarias de príncipes e princesas é que pasan nun país moi afastado. Nós buscamos un exotismo que fose sinxelo de recoñecer, e por iso fomos á cultura xaponesa, porque ten unha cultura popular moi rica que nos chega a través do manga e dos debuxos animados. Copiamos formas do teatro xaponés que son moi estilizadas e graciosas, pero logo, cando nos temos que pasar ao sal gordo, xa volvemos á farsa europea.

- Este foi o primeiro paso, pensan levar algunha outra obra de Valle Inclán a escena en galego?

-Eu son bastante fan de Valle, de feito estou a acompañando esta xira con pequenas charlas para o ensino medio nas que falo da presenza da cultura galega na súa obra. Estoulles comentando cousas doutras obras, nomeadamente das Comedias bárbaras, as obras puramente galegas do autor. Son obras moi valiosas e encantaríama facelas.Tamén gustaríame moito representar A rosa de papel.