Jean-Pierre é un home maniático e perfeccionista. Ten nas súas mans o destino de todas as mensaxes que lle chegan cada día en botellas ao seu tellado, e gústalle repartilas ao seu xeito, coa axuda dun simpático paxaro chamado Gastón. Ambos amigos gozan da súa rutina ata que un día chega Annette, unha rapariga cun milleiro de propostas que lle removen todos os plans. A súa historia, e mais a do resto das personaxes é a que contará Caramuxo Teatro no seu Mensaxe sen botella, a obra infantil que interpretará mañá ás 18.00 horas no teatro Colón.

"É o relato de dúas persoas que teñen que aprender a convivir, un conto sobre o valor da amizade", comenta un dos membros da compañía, Laura Sarasola. A actriz, encargada de darlle vida a Annette, presenta Mensaxe sen botella como "unha peciña especial" dentro dos seus espectáculos, unha rareza entre as representacións para bebés e as de pequeno e medio formato que adoitan realizar, e que precisa do espazo que só un teatro pode ofrecer.

Segundo explica Sarasola, a historia, ambientada na Francia de finais de século, naceu fai xa varios anos, da man dela e do fundador da compañía, Juan Rodríguez. O seu propósito era "plasmar emocións e feitos que acontecen na vida cotiá, pero nun ambiente imaxinativo", unha tarefa para a que contaron coa axuda da directora Olga Margallo, gañadora de dous Premios Fetén.

Precisamente neses galardóns e con esta obra, Caramuxo Teatro representou a Galicia no 2012 suscitanto moi boas críticas. E non foi un éxito illado. No 2016 saíron vitoriosos dos Premios María Casares coa interpretación que fixeron de Feo, e este ano volven a estar nomidados por outro espectáculo, Pavillón Lino, unha homenaxe ao espazo cultural que existía na Coruña.