Está de aniversario e a Banda Municipal de Música da Coruña será quen lle toque. A Torre de Hércules, que fai mañá oito anos como parte da lista de monumentos patrimonio da humanidade, recibirá este xoves ás 20.00 horas un concerto na súa honra, que a formación musical da cidade ten preparado para a ocasión. Na actuación, que terá lugar no centro Ágora, o grupo interpretará pezas de Groba, Soutullo e do propio director do conxunto, José Luis Represas; que liderará unha función na que outras cidades como Vigo, Lugo e Santiago de Compostela tamén estarán presentes.

A obra principal do concerto, que responde a unha petición da concellería de Turismo, será a de Groba. A Banda Municipal seleccionou Coruñesas como o tema que falará da cidade berce da Torre, unha peza contemporánea estreada polo compositor pontevedrés no ano 73. "É unha obra de referencia, mítica do repertorio. Marcou un antes e un despois na historia da composición en Galicia", conta o director.

Con ela, e ocupando tamén o posto estrela do programa estará a suite sinfónica de Soutullo dedicada a Vigo e Cabaleiros de Santiago, creada por Represas en torno á urbe e o camiño de Santiago. "Imos facer unha homenaxe centrada nas cidades galegas, aínda que haberá tamén outros lugares monumentais de España", explica o director, en referencia ao chisco a Granada que fará o concerto. Nel, indica, tamén terá un oco Lugo e a súa muralla. "Interpretaremos unha serie de pasodobres breves sobre Lugo, moi fermosos para o público", engade.

Ademais do carácter extraordinario do que lle dota a súa realización como festexo do aniversario da Torre, o espectáculo será especial por ser o último da tempada. Logo da función, a Banda Municipal gardará os seus instrumentos ata agosto, regresando coas festas de María Pita e despedíndose, un mes máis tarde, do seu director.

Juan José Ocón tomará en outubro o relevo como cabeza da formación, que afrontará no 2018 os seus setenta anos de vida como grupo. "Foron cinco anos de dirección apaixonantes e de moito traballo de corazón", di Represas, facendo balance. Aínda dubida de se permanecerá no conxunto como subdirector ou "tomará un descanso" pero asegura que, de todos os xeitos, non estar ao fronte da banda nesa data non é un motivo de aflición.

"Os directores de música son como os adestradores de fútbol, quéimanse pronto. É bo que se vexan outras visións", comenta, afirmando que o grupo "vai funcionar moi ben" baixo o mando de Ocón. "É un músico moi recoñecido, e a banda é un grupo altamente profesional", afirma.

"A versatilidade" do repertorio é para Represas unha das principais características da formación. Mirando ao pasado, sinala tamén a conservación do "cariño do público" e a súa función como "punto de encontro para outros solistas de Galicia" como os maiores logros que a banda ten alcanzado; unhas vitorias que, di, deberían pórse en valor. "A banda creou moito interés pola música nesta cidade, e chegados ao 70 aniversario toca recoñecer iso", declara.

O camiño, porén, non semella doado. Ao comezo dun dos concertos que deu o pasado 15 de xuño, o conxunto denuncio varias das carencias ás que se enfronta, e sobre ás que o seu director prefire non pronunciarse, como a interpretación "do repertorio con menos músicos dos que as partituras requiren" e o recorte "das inversións", necesarias "para o correcto funcionamento da banda".