Algo que existe e é ignorado. Así fala Quique Peón da música de raíz, antigas cantigas populares as que o pandereteiro tenlle dedicado case 50 anos da súa vida. Xunto a outro artista, Xurxo Fernandes, e logo dun extenso traballo de campo, o músico proponse agora visibilizar a riqueza destas melodías tradicionais de Galicia, que fará soar con Radio Cos mañá ás 00.30 horas como parte da Romaría de Santa Margarida.

- Que pensa do xiro cara o tradicional que teñen experimentado estas festas nos dous últimos anos?

-A Romaría de Santa Margarida sempre tivo un compoñente moi tradicional. Quizais aquí o que fixeron foi trasladar as cousas tradicionais que se facían desde María Pita ao parque de Santa Margarida. Concentraron todo o tradicional alí, pero quitárono doutros sitios. Eu levo traballando na cidade 40 anos, sei a historia toda.

- Todo ese tempo estivo somerxido na música popular. Como se afronta esa tarefa que se propuxeron, facer visible o invisible?

-Eu sempre poño como exemplo os carballos que nacen no monte, sós e onde poden, entre os eucaliptos. Ninguén se da de conta de que están alí, pero o día que falten, ímonos tiran todos das orellas. O mesmo acontece coa música tradicional. Está no ADN dos galegos porque é unha cousa que todos gozamos, pero non se lle fai caso nin se aposta case nunca directamente por ela. Por iso o noso lema é ese, facer visible o invisible. E estou moi contento, porque vexo que no exterior a música e o baile tradicionais teñen unha resonancia e un éxito grandísimo. Aquí, porén, é como os carballos. Os ves, pero non te fixas.

- Pero está a medrar, polo menos no ámbito do aprendizaxe.

-Si, iso está crecendo moito. Actualmente, seremos máis de 20.000 persoas en activo, grupos de baile, de gaitas, coros tradicionais?Unha chea de xente metida no allo, ao que se suman os que mercan a música galega. Os galegos amamos as nosas tradicións, é así.

- Como comezou o seu interese pola música de raíz?

-Eu empecei a bailar aos catro anos. Non sei moi ben por que, na miña familia non había excesiva tradición neste sentido, pero foi unha cousa que se enganchou en min e que actualmente é a miña profesión. Levamos feito unha intensa labor durante anos, cambiamos moito a maneira de ver o folclore e de sentir e entender a música.

- Pasaron ao redor de trinta anos recollendo cancións populares que doutro xeito teríanse perdido. Cal é o tema máis antigo que rescataron?

-As ribeiranas, unhas das máis antigas de Galicia. Sitúanse na Costa da Morte, e son uns bailes de divertimento datadas do século XIII, aínda teñen máis anos que iso. No noso último disco, Pasatempo, temos unha, mesturada con música india

- E o que máis lles sorprendera?

- Buf, todos. Hai tantísimo que ao final o que nos da máis traballo non é recrealos, senón escoller cal facer. Todos son interesantes e teñen o seu aquel.

- Non tiveron nunca medo de desvirtuar o tema orixinal coa súa recreación?

-Non, porque temos tan claro como é a nosa cultura que sería moi difícil. Home, sempre se desvirtúa algo, porque non é tradicional puro, pero cheiran a monte, a mar e a brisa.

- Subíronos por primeira vez a un escenario en Bruselas, por que tan lonxe?

-Ocorreu así porque un programador viunos tocar nunha festa en Galicia e gustámoslle tanto que nos levou a un festival de alí. Chámase Living Room e son varios concertos de pequeno formato que se fan en casas de particulares dun barrio de Bruselas. Foi o noso primeiro concerto, si, non o pode dicir todo o mundo, verdade?

- Non, nin ter estado máis no estranxeiro que aquí durante os primeiros anos, como vostedes.

-Si, os primeiros anos estivemos moito fóra, sobre todo en Francia e Inglaterra. Para nós foi moi interesante e formativo, deunos moito pulo e fíxonos ver que fora a nosa música era unha cousa moi demandada. Pero este ano estamos tocando tamén moito no estranxeiro. Estivemos por exemplo en Malasia, unha cousa un pouca estraña.

- Como lles recibiron?

-De marabilla, 10.000 persoas de público. É un festival enorme que se fai ao oeste da illa de Borneo. Chamáronnos porque este ano estivemos escollidos como grupo oficial do Womex, a feira internacional de música popular e tradicional de World Music, e iso abriunos moitas portas para que nos coñeceran a nós e a música de Galicia.

- Algún país que sinta unha debilidade especial por Radio Cos?

-Estamos moi contentos cos resultado en Polonia. Alí somos moi ben acollidos, a nosa música encántalles.

- Cóidase máis a música tradicional fóra que aquí?

-Depende das zonas. Por exemplo, os países do leste, teñen escolas de folclore desde fai moitísimos anos. Os nenos teñen na escola unha materia de folclore, e teñen que coller un instrumento e bailar as danzas tradicionais do sitio. Iso dálles unha sabedoría e un entendemento que aquí nos falta. Nós estamos faltos de apoio por todos os lados, e iso ten que mudar, porque a nivel europeo somos unha das potencias en arte inmaterial. Hai que facer un instituto de folclore, un arquivo xeral de todas as recollidas de campo que se fixeron a nivel etnográfico?. Hai moitísimo traballo que facer, e moi importante para a cultura de Galicia.

- Un traballo que vostedes xa comezaron. Na súa páxina web defínesevos como "pandeireteiros que fan evolucionar a música galega de raíz". Como é ese progreso que provocan na música popular galega?

-Poñemos en valor pezas que son totalmente inéditas e que solo se coñecen na aldeíña onde nós a recollimos, e as colocamos nun marco contemporáneo. As percusións e o xeito de cantar das pezas rexistradas é antiga, así que para contemporalizalas empregamos os arranxos. Esa é a nosa música.