A pintura e compromiso político dunha das artistas máis destacadas da Xeración dos 27, Maruja Mallo, convértese en protagonista na última peza da compañía Fantoches Baj, Mensaxe do mar, que subirá esta tarde ás 20.30 horas ás táboas do teatro Colón. A obra, dirixida por Inacio Vilariño, repasará con teatro e música ao vivo a produción plástica da pintora desde o seu nacemento ata 1961, a través dunha conferencia ficcionada na que se desvelan todas as vertentes da súa personalidade.

A súa faceta literaria, transgresora e artística serán algunhas das pezas que integrarán o puzle da representación. A obra comezará cunha exposición simulada de Mallo (Tero Rodríguez) no momento no que regresa do exilio a comezos dos 60, a partir da que a pintora botará a vista atrás para rememorar a súa evolución artística e os seus escritos de denuncia social. "É un repaso pola súa obra, o significado das súas pinturas e a irrupción da guerra e do franquismo en Galicia", explica o director da peza, que tamén quixo plasmar a importancia das relacións de amizade da lucense dentro do mundo artístico.

Os seus vínculos "cos grandes artistas da época" foron o medio a través do cal Mallo buscou o seu "empoderamento". Na longa lista de nomes, entre os que están figuras como Rafael Alberti, Luis Buñuel ou Salvador Dalí, atópanse dous poetas, Federico García Lorca e Pablo Neruda, que acompañan a Maruja Mallo na charla orquestada pola compañía. "Neruda foi a amizade que máis mantivo no tempo. Outros amigos foron fusilados, como Lorca, ou quedaron no exilio, pero con Neruda mantivo o contacto ata o fin", comenta Vilariño, que coloca á pintora "na historia da literatura, polos seus escritos" e polo seu papel como "inspiración" na obra de outros.

A súa contribución máis destacada, porén, foi o seu traballo como artista plástica. Por el se fará un percorrido na obra, na que, valéndose de reproducións físicas e diapositivas, se amosarán as súas distintas etapas creativas desde as Verbenas ata as Naturezas Vivas, pasando por series como Cloacas e Campanarios ou a Relixión do traballo. "Antes da guerra, Mallo ten unha etapa festiva influída polo cine. Logo ven unha moi escura e premonitoria da guerra, da que sae Espantallos, e despois unha geométrica e matemática, unha aposta utópica por un mundo social ordenado", conta o director.

Esta última fase iniciase con Sorpresa do trigo, a peza que a pintora "sempre dixo que nunca vendería", e que tamén terá o seu oco no espectáculo. A reivindicación que comeza o cadro, sobre o proletariado como clase gobernante vincúlase, pese a apariencia "frívola" da artista polo seu contacto coa burguesía, co seu fondo compromiso político, que a levou ao exilio en Bos Aires e a un regreso a España como pintora descoñecida. "Cando regresou, invisbilizouse a Mallo ata a Movida Madrileña", asegura Vilariño, que emprendeu esta retrospectiva porque a artista "está inxustamente tratada". "Cando se fala da pintura dos renovadores de Galicia, menciónase a Seoane, a Laxeiro? Pero non a Mallo. E non se esquece só nese contexto, senón en toda a historia", afirma.

Entre os motivos deste suceso, Vilariño sinala o feito de ser muller, un aspecto que nunca freou á pintora. A diferenza das da época, Mallo viaxou polo mundo adiante, "non fuxíu da soltería" e formou parte das Sin sombrero, o grupo de mulleres que quitaron o gorro en público na Porta do Sol.

Todas estas accións, xunto as súas pinturas, reivindícanse dentro da posta en valor da artista que fai Fantoches Baj, que xa homenaxeou en obras pasadas a outras personalidades como Uxío Novoneyra e Lois Pereiro. "Forma parte da liña da compañía. Como director e escritor, unha parte do meu traballo está centrado na investigación das nosas figuras culturais", alega.