Tras case 10 anos sen disco, Susana Seivane regresa con novos temas en Fa, o seu derradeiro traballo, que pre-estreaba onte cun concerto no Centro Ágora. Composto por dous discos dedicados aos seus fillos Fiz e Antón, a obra recolle a experiencia na maternidade da gaiteira, que se embarcará estes meses nun proxecto fora de Galicia antes da saída do seu álbum, previsto para este inverno.

- Vén de preestrear Fa , un disco que se fixo agardar moito.

-Si [ri]. Vai facer 10 anos que non saco disco. Pero neses dez anos non estiven parada. Fixen moitas xiras, estiven en proxectos na televisión? E tiven dous embarazos. Agora fixemos o pre-estreo de Fa porque, cando saia, estarei inmersa nun proxecto que me vai ocupar o 100% do día.

- Noutros ten tratado o paso do tempo, os soños? Este é o que máis fala de Susana Seivane?

-Este é o meu disco máis persoal, posto que son todas composicións, sen nada tradicional. É un proxecto de dous discos sobre os meus fillos, Fiz e Antón. O que imos presentar agora é a f, a primeira parte do proxecto. Nel trato de plasmar todos os sentimentos, inquedanzas, e momentos que pasei desde que me decatei de que estaba embarazada do primeiro ata a actualidade.

- No 2015 xa adiantaba o traballo con Esperando a Fiz . Fa íase a quedar só na 'f'?

-Ao principio si! O que pasa é que despois veu Antón, así de sorpresiña [ri], e pasou a Fa. Os temas dese single que sacáramos están hoxe moito máis evolucionados, iso foi como unha mostra. A verdade é que este disco nos custou moitísimos anos. É moi extenso, traballoso, cadroume con dous embarazos e, aínda que traballei ata que puiden, tiven que tomarme os meus tempos de descanso.

- De que xeito lle afectou, como gaiteira?

-A unha artista que hoxe teña que estar aquí e mañá noutro país? É unha auténtica tolería. A miña queixa son as leis que temos aquí. Como viaxo bastante, vexo que outros países nos levan moitísimo adianto neste aspecto. Aquí é dificilísimo conciliar a vida familiar e laboral, non temos axudas de ningún tipo, e temos unha baixa de maternidade que é irrisoria. As 6 semanas son as que tes que pasar obrigatorias, pero eu despois das seis semanas xa tiña contratos firmados para facer concertos. Necesitas estar tempo co teu fillo, o teu fillo necesítate.

- Que intres dos que pasou cos seus podemos atopar no seu álbum?

-Hai temas que fixen cando estaba embarazada. Precisamente hai un, Momentos, que vai sobre que, cando estamos nese estado, pasamos por intres moi dispares, coas hormonas de repichoca, como dicía eu. Un momento moi alegre, outro moi nerviosa, contenta, de baixón total? Foi difícil intentar plasmar todos eses sentimentos en cancións que, ademais, son instrumentais.

- Un deles é o parto.

-Si, é o tema que para min é o máis especial. Trata de simbolizar como vivín o parto de Fiz. É unha obra que comeza cunha melodía moi bonita e relaxante, que simboliza cando estou embarazada. Logo vaise complicando e vai collendo unhas harmonías máis tensas que é cando se achega o momento. Saio berrando, ouveando de dor, para intentar transmitir ao ouvinte eses momentos difíciles que pasei. Cando pasa ese terremoto volve a esa calma do principio, cando nos sabemos as miradas Fiz mais eu, cando nos coñecemos.

- Inspirouse máis entón ou cando estaba en estado?

-Inspireime máis cando estaban comigo. A verdade é que, cando quedei embarazada de Fiz- e o mesmo pasou con Antón- entrei nun período de inspiración que non tivera antes. Son temas moi relaxantes, que van axudar a comprender moitas cousas aos papás que están embarazados. Tamén van axudar aos nenos a durmir, o teño comprobado.

- Os seus durmíanse coa gaita?

-Si, si. Eles, os meus sobriños? Porque son temas moi evocadores. Tamén hai outros moi cañeiros e enerxéticos, porque xa cando nacen os nenos a miña vida convértese en pura enerxía e revolución. É un disco que ten de todo. Fai chiscos a moitos estilos musicais, hai moitos produtores?

- E moitos colaboradores.

-Moitísimos. E non foi buscado para nada. Dunha forma natural, moita xente quixo estar comigo neste proxecto tan importante. Ao final, hai case 100 colaboradores no proxecto. Está Rodrigo Romaní coa súa arpa, rapaces da Banda Municipal de A Coruña, os irmáns Cedrón?E está Marcos Teira, que é un guitarrista bastante especializado no flamenco.

- Semella que iso non casa coa gaita. De onde veñen eses sons flamencos?

-En Fa adéntrome bastante nas miñas raíces maternas, que son andaluzas. Por iso de que, cando es nai, dáste de conta de todo o que sufriron. Sempre se fala da miña familia paterna, pero a materna tamén é moi importante. Grazas a ela son o que son, e a verdade é que o flamenco corre polas miñas veas.

- É unha homenaxe, logo?

-Si. Eu son Susana Seivane Ollo e, para a miña familia Ollo, fixen unha especie de fandango que Marcos Teira está producindo

- A súa familia foi determinante na súa paixón pola música. Trata de transmitirlles ese mesmo amor aos seus fillos?

-Non é que o trate, é que é unha cousa natural. Na casa saben que mamá toca a gaita, que ensaia na casa? Están inmersos nese ambiente e gústalles. Os nenos escoitaron a gaita desde o ventre materno e, de feito, cando naceron, que eran bastante choróns, case o único xeito de calmalos era poñerme a tocar. Recoñecían o son como da súa casa.