Música e altruísmo xuntaránse este venres sobre as táboas da Sala O Túnel, no Coliseum, como parte do Coruña En Directo, o festival solidario que promoven anualmente os locais de ensaio municipais a favor da Cociña Económica e as bandas noveis. Desde as 19.30 horas, unha selección de grupos da canteira coruñesa, usuarios destes espazos, reuniranse para a XIII edición do evento, ao que se poderá asistir de xeito gratuíto levando tres kilos ou litros de alimentos non perecedoiros.

O ciclo de concertos deste ano estará formado por sete bandas. A excepción de Wondermind, que se estreou co seu indie rock no Coruña En Directo 2017, todas as agrupacións terán no festival a súa primeira oportunidade para subirse a un escenario, no que contarán cun equipo profesional para compartir a súa música. "En anteriores edicións había grupos que empezaban a ter bagaxe. Esta vez fixemos borrón e conta nova, son grupos noveis con maiúsculas", explica o organizador e coordinador técnico dos locais de ensaio, Christian Beade, que sinala a alta cantidade de debuts como a principal novidade deste ano.

O estilo, máis movido, será outras das diferenzas fundamentais. O Coruña En Directo 2018 reunirá ao longo de catro horas e media un abano de actuacións "máis roqueiras e movidas", nas que o indie quedará superado polo folk de DeQuenVesSendo, o punk de Theta Waves, o pop-rock de Indigo e o rock de Strob, Chomoloco e Fatty Bop. Trátase, segundo Beade, dun reflexo da evolución do panorama musical coruñés, no que a oleada de grupos 'independentes' dos últimos anos ten mermado a favor dos sons máis duros e as distorsións de guitarras. "Nós abrimos o festival cando había moito metal. Logo o indie era a etiqueta que máis empregaban os grupos, e agora semella que volve o rock", conta o responsable do acto, que salienta a importancia do carácter solidario do festival para a súa permanencia ao longo dos anos.

En cada edición, o acto dos locais de ensaio recolle entre media e unha tonelada de alimentos. As doazóns dos asistentes destínanse á Cociña Económica, que pide que este ano se leven, sobre todo, latas de atún, zumes, feixóns, pasta e aceite. "Entendemos que é un engadido. A xente vai tanto pola música como por axudar", afirma Beade, que busca que o festival sexa "o primeiro concerto de moitos" para os grupo participantes.

Preto de 60 xa se teñen sumado á historia do ciclo, do que algúns, como Say My Name, xa saíu para tocar en salas da capital, ou en festivais como o Noroeste. A experiencia de pasar por este concerto anual sérvelles ás bandas para aprender as chaves dos directos, e para acceder a uns circuítos moitas veces pechados para os grupos locais. "Cóntanme que é complicado. Hai salas que apostan por darlles un oco, pero outras non", di Beade, que ve na cidade unha canteira "moi boa e vital". "Teñen ganas de facer cousas. Nós intentamos darlles o primeiro empurrón", conclúe.