Un retrato do Norte, das súas xentes e paisaxes é o que ofrece Xabier Díaz no seu último traballo, Noró. No disco, o segundo na súa carreira en solitario logo do multipremiado The tambourine man, o coruñés repite coas Adufeiras de Salitre para recoller a música tradicional do noroeste da península, que presentará esta tarde ás 19.30 horas no Teatro Rosalía de Castro.

- Toda a vida recollendo e cantando a música popular galega, pero é agora cando lle fai unha homenaxe ao norte.

-Creo que hai algo de inconsciente. Ultimamente estamos viaxando bastante para presentar estas músicas fora, e en todas partes teño que explicar de onde somos. En moitos lugares se sorprenden de que formemos parte da Península Ibérica, porque non tocamos a guitarra e o caixón flamenco. Nese exercicio permanente de explicar que hai outras músicas peninsulares, pensei que sería chulo facer un retrato do sitio no que vivo, e tamén trasladarlle á xente que a paisaxe e a climatoloxía que nos rodea inflúe na miña maneira de facer música, incluso no meu xeito de ver a música popular.

- Como inflúe?

-Os galegos somos amantes das cousas prácticas, e eu creo que aplico iso á miña música. Tamén hai un pouco desa paisaxe das árbores aínda sen follas, desa bruma tan do norte e do frío. Eu recoñézome nesa paisaxe, na paisaxe real e na humana, e nesa actitude unha miguiña máis introvertida.

- Todo iso leva á súa música?

-Non exactamente, porque a música non é fría, pero si que trata de ser directa. Non está demasiado disfrazada. Os arranxos están traballados, pero tampouco son demasiado barrocos. Cando hai unha melodía, haina porque a necesitamos.

- O seu anterior traballo, The tambourine man , fora un dos máis complicados que fixera. Quixo virar neste cara a algo máis sinxelo?

-En realidade, non distan moito un do outro. O que pasa é que aquel resultoume complicado porque era a primeira vez que facía esta formulación, con 11 cantoras e cun acordeonista e un zanfonista. Dosificar e mesturar aqueles elementos foi difícil, pero desta volta a fórmula xa a tiña máis controlada. Outra cousa era buscar as melodías.

- De onde veñen as cancións que recolle?

-Veñen de todas partes do noso país. De Vimianzo, de Mondariz, Ourense, de Lugo, de Sanabria? Pero cada vez teño máis a sensación de que veñen tamén doutros sitios distintos, das pegadas que deixaron todas as viaxes que fixen. Forma parte da miña paisaxe emocional.

- "Música tradicional futurista", teñen dito sobre o resultado. Vostede enténdeo así?

-Ese foi Santiago Auserón, que ten unha dialéctica moi filosófica. Probablemente sexa futurista, porque os elementos que nós empregamos, os utilizamos dun xeito un pouco diferente a como se empregan nos estándares da música tradicional. Tamén ten ese punto experimental. Pode ser que por aí soe un pouco futurista.

- O que é seguro é que soa a Galicia. Todos din que a música de raíz triunfa fora de aquí, como é iso entón de que non se saiba que é galega?

-Eu vou facer un pequeno exercicio de sinceridade. Triunfa ás veces, hai outras que non. O que si que é verdade é que, por parte do público internacional, había unha visión de que a música galega era só gaita. E creo que agora se está compensando iso desde a perspectiva da música tradicional cantada, o cal fai xustiza á historia da música galega. Nós estamos incidindo neses mercados internacionais en que hai música galega que ten moitos elementos que a volven enlazar con esa parte máis arcaica da música das pandeiretas, das voces?

- E dos adufes. Neste disco repite coas Adufeiras de Salitre.

-Quería que a xente tivera a sensación de que este proxecto forma parte da miña carreira e da miña vida dunha forma importante, non puntual. Non quería que The tambourine man fose unha rareza na miña carreira. Necesitaba un segundo álbum cando menos, para que a xente tivera unha visión un pouco máis global desa maneira de traballar e facer música, e creo que ese Noró lles pode axudar a fixar ese retrato na súa memoria.

- Traballará a partir de agora con elas?

-Agora tócame traballar cando menos un par de anos de xira, non me queda outro remedio [ri]. Temos por diante a xira deste disco, e eu estou encantado. Creo que a proposta colleu moita solidez no directo.

- Logo do da Coruña, xa van para Alemaña.

-Si, imos tres semanas a chequear o público alemán e imos a Bélxica para outra xira. Para min, esa aposta polo mercado europeo é moi importante. Paréceme que en Europa temos un nicho de mercado interesante, que hai que coidar e explotar. Son mercados que nos poden axudar a compensar o limitado do noso, no que os públicos poden fatigarse, porque somos os que somos. Estamos apostando por saír fóra.

- Polo de agora, Noró xa estivo na lista de vendas de España. Con estes feitos, por que esa idea, logo, de que a música de raíz non se escoita?

-Eu creo que hai cousas que están cambiando, e ademais a unha velocidade importante. Diego El Cigala, Estrella Morente? É música de raíz. Pois Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre tamén, podemos estar nesas listas. Se entramos nese top 50 é porque a xente está mercando discos. Creo que debemos desprendernos de certos tipos de linguaxes, de: "Isto é o que é, e isto cínguese a isto". As cousas hai que intentar mudalas con fe, con optimismo e con traballo, sobre todo.