Conta Morris (Antonio Durán) que as cousas non van demasiado ben nas artes escénicas galegas pero o certo é que a el non lle falta traballo. O actor, un clásico da pantalla galega, volve ás táboas nas que deu os seus primeiros pasos con A leituga, unha peza dirixida por Víctor Duplá sobre o impacto dos coidados nas relacións familiares. A obra a estreará o vigués este venres, día 6, e sábado, día 7, no Teatro Rosalía (20.30 h), onde agarda lograr o mesmo éxito que obtivo este ano co seu papel de Charlín en Fariña.

- En que punto da súa carreira se atopa Morris?

-Quizais sexa o momento no que son máis consciente do que fago, no sentido de que sei analizarme mellor, e sei os proxectos nos que me podo deixar máis a vida ou menos. A leituga é un dos proxectos nos que ma deixo. Pode que, anos atrás, para min o feito de traballar xa era suficiente. Agora non.

- A súa é unha longa traxectoria, con moitas personaxes. Como se sinte na pel do Víctor?

-É un papel que, por sensacións da personaxe, se aproxima moito a cousas que vivín, porque non deixa de ser un encontro de familiares festexando o aniversario de alguén que está pero que xa non está. É unha comedia estraña, o que se conta é moi amargo, pero tamén moi divertido. Na mestura desas sensacións, teño a cocteleira preparada para saber que zume sae o día 6. Estou un pouco expectante.

- Dicía Mercedes Castro que "na interpretación, vívese un drama, pero desde fóra a obra verase doutro xeito". Vostede o experimenta dese xeito?

-Si. Hai que partir de que a comedia, para que chegue, sempre ten que ter moita verdade. E cando esa verdade parte de cousas dramáticas, ten que ter incluso un exceso para que produza o efecto contrario. Para crear as personaxes, partimos de situacións duras. Eu goceino pero tamén me desesperei un pouco con el, porque son personaxes moi extremas.

- O teatro permítenos rirnos de cousas das que normalmente non o faríamos?

-Por suposto. Eu creo que cando o máis grave se trata con algo de humor, é moito máis ferinte, chega máis alá. E iso acontece tanto no cine como no teatro.

- Vostede comezou nel fai xa máis de 30 anos. Como se mantén un tanto tempo nun mundo tan complicado como o das artes escénicas?

-Eu comecei naquel teatro independente, con aquela carreira autodidacta sobre as propias táboas. Naquel momento, era case unha resistencia cultural o que intentábamos mostrar a nivel artístico, ou resistencia política. O teatro hoxe en día son as artes escénicas. Xa non se vai ao teatro polo teatro, vaise ver un espectáculo. E hai que dar o do de peito.

- Tamén ten mudado o sector audiovisual galego?

-Si, moitísimo. Mudou que agora tes que ter unha calidade e o que todos sabemos, que o arte pervive se a estrutura política e a sociedade queren defendelo. Hoxe os actores o teñen incluso máis difícil polo nivel de competitividade que hai, pero o feito fundamental non mudo. Subirte a un escenario e que alguén desde abaixo diga: "Voume de viaxe con este señor durante hora e media".

- Hai uns anos, aseguraba que o teatro iría a peor. Acertou?

-A situación do teatro foi a peor, si. Eu combino co audiovisual, pero para a xente que intenta vivir do teatro en Galicia resulta case imposible, teñen que facer cinco actividades paralelas. Hoxe en día, o teatro ten algo máis de resistencia que cando empecei. Pero é resistencia para poder vivir, non política.

- No audiovisual, porén, Galicia está cada vez máis presente. El desconocido , Quien a hierro mata e mesmo Fariña tenden pontes. Galicia está de moda?

-Eu espero que esteamos de moda os actores, os directores e o audiovisual galego. Hai xente que roda aquí porque lle ten moito amor a Galicia, e tamén porque é un sitio moi atractivo. Que esteamos de moda? Pode que si. Eu estou agradecidísimo a Bambú e Antena 3 porque me deran esa oportunidade colectiva, pero eu me preocuparía de que Galicia estivera de moda en Galicia.

- Non o está?

-En Galicia non. É moi cruel cos produtos de aquí. Cando te ves en situacións como as de agora, dis: "Malo se me descobren despois de 38 anos, pero malo tamén que, traballando aquí, nada saia para fóra". É que algo tamén facemos nós mal, o non promocionar ben as cousas. Pero logo, para os galegos, traballar en Galicia é tremendamente difícil. Se imos ao CDG, meu Deus! Hai que pasar un concurso. Fago mil probas aquí. Non me caen os aneis, pero parecemos descoñecidos para nós mesmos.

- Gran parte do elenco de Fariña érao tamén fóra, e iso que son actores cunha carreira longa.

-Eu creo que é un problema dos dous sitios. Profesionalmente todo camiña, pero cando unha serie sae fóra, de repente semella que nos entra o orgullo nacional, cando o orgullo nacional o tiñamos que ter todos os días. En Fariña hai 140 actores. Pois pode que teñamos 500 en Galicia tremendos.

- Na serie, vostede interpreta a Manuel Charlín, a súa primeira personaxe protagonista na televisión nacional. Era unha oportunidade que estaba agardando?

-Pois a verdade é que non. Eu cando vin que se facía Fariña, puxéronseme os dentes longos. Sabía que me podía achegar fisicamente a este personaxe, pero nunca pensas niso. Caer precisamente nesta serie, con todo un reparto de aquí, e contar unha historia real, pero descoñecida para o gran público? Porque ata eu, que vivín a época, non sabía a dimensión que tiña. Que che caia unha personaxe así, é un lujazo. Pero maior lujazo é que lle caia a toda a profesión.