Quico Cadaval, Chus Álvarez, Celso Fernández, Érica González... Son moitos os nomes que chegan á mente cando se pensa en narradores galegos. Un feixe deles, preto dunha ducia, pasarán esta semana pola cidade como parte de Falando a boca chea, un espectáculo que busca pulir a oralidade galega a través de actuacións dirixidas a todas as idades. A partir desta tarde, e principalmente no Fórum Metropolitano, grandes e miúdos poderán gozar da segunda edición deste festival da verba, que amplía este ano o seu radio de impacto con máis espazos e participantes.

Co fin de facilitar a asistencia da cidadanía, a programación desenrolarase en distintas franxas horarias. O espectáculo comezará esta tarde, cunha actuación no vestíbulo da biblioteca de Río Monelos. No hall reuniranse diariamente e ata o día 21 figuras como Érica González, Andrea Bayer, Chus Álvarez e Gonzalo Guerreiro, que compartirán de xeito gratuíto as súas historias para un público familiar. Ás 21.00 horas é cando terán lugar as funcións de pago, nas que os espectadores adultos poderán gozar dos espectáculos de Quico Cadaval, Pedro Brandariz, Celso Fernández e Víctor Grande.

"É un grupo magnífico. En Galicia temos moitas fortalezas, e os nosos narradores é unha delas", afirma o organizador do festival, Ramiro Neira, que adiantaba o show o pasado venres cunha actuación en Marineda City. O centro comercial é un dos novos espazos aos que o festival ten chegado nesta segunda edición, na que aposta por outros municipios e polas entidades de particulares. "Plantexamos que tivera impacto noutros espazos pola necesidade actual de que a cultura se vencelle con entidades privadas", explica o actor, en alusión tanto ao Marineda -onde pechará o festival Marcos Pereiro o día 27- como ao Museo de Arte Contemporáneo. Ambos edificios pasan a formar parte da lista de escenarios de Falando a boca chea, que suma tamén os concellos de Sada, Oleiros e Arteixo. O groso das actuacións mantéñense, porén, no Fórum, que contará este xoves e venres (18.00 horas) na biblioteca infantil con sesións para os máis pequenos. "É fundamental para xerar hábitos como o de escoitar e gozar do silencio. Intentamos xerar moitas fortalezas", comenta o organizador sobre os beneficios destes espectáculos para nenos de dous a catro anos, que protagonizarán Caxoto e Chus Álvarez.

As súas historias, como as do resto de narradores, adaptaranse ao público presente o día do show. Falando a boca chea non está suxeito a temática algunha, máis que a do crecemento da tradición oral e do propio festival, dúas cuestións que evolucionan dun xeito moi positivo. "Estamos ben contentos. Vemos que o festival vai medrando e ampliándose con cariño", di o responsable do ciclo, que asegura que "con autores galegos" como os que participan nas actuacións, "é difícil" que o festival saía mal.

A actividade cultural coruñesa, fondamente ligada á lectura, e a importancia "fundamental" da narración en Galicia son os dous motivos que sinala como claves para o funcionamento deste tipo de espectáculos, prolíficos a pesar da perda da orixe da narración oral: as historias como punto de encontro da familia. Hoxe, o vertixinoso ritmo de cambios no que nos movemos está a mudar o mundo, máis non o noso gusto polas historias. "Iso non vai desaparecer", afirma sen dubidar Neira.