Era 1914 e, coma sempre, Pedro Vindel atopábase na súa libraría, organizando as edicións antigas coas que adoitaba traballar. Mentres as recollía, unha delas, un ensaio filosófico firmado por Cicerón, fixo que se detivera. A razón, aínda que semelle estraño, non era o contido. Era a encadernación. "Tivo que ver algo sospeitoso. El sabía que os manuscritos empregábanse as veces para forrar os libros de vello", conta desde a biblioteca da Real Academia Galega (RAG) Ana María Menéndez, sobre o día no que o comerciante cruzou o seu camiño co do Pergamiño Vindel. O documento, sete cantigas de amigo reproducidas no século XIII por Martín Códax, é unha das escasas partituras do cancioneiro galaico-portugués que se teñen rescatado do esquecemento da historia. Iso é o que fai do manuscrito unha peza especial, á que a institución da rúa Tabernas lle dedica estes días unha exposición con motivo do pasado Día do Libro.

"O que pretendemos é poñer en valor o conxunto de pezas arredor do Vindel que temos na Academia", explica Menéndez, responsable da mostra artellada na sala de lectura. Nela, a entidade reúne unha decena de novas, traballos de estudo e edicións facsimilares "singulares" realizadas sobre o pergamiño, como o artigo sobre o descubrimento publicado polo propio Vindel na revista Arte Español. Outro texto, un dos escasos libros que editou o libreiro para repartir entre os estudosos da época é outra das xoias que comparte desde onte a exposición da Real Academia Galega, que conta tamén con interpretacións de autores como Carolina Michaëlis, Moleiro, e Eladio Oviedo y Arce, o primeiro galego en estudar o manuscrito. O seu falecemento, do que se cumpren este 2018 cen anos, foi xunto o día da lectura o motivo que impulsou á creación da mostra. "Cúmprese o centenario da súa morte, e da marcha do Vindel para Suecia", conta Menéndez, que lamenta que o pergamiño "non quedara en Galicia".

6

A Real Academia Galega amosa as primeiras olladas ao Pergamiño Vindel

No tempo da súa descuberta, eran poucos os que apreciaban o verdadeiro valor do documento. O comerciante que logo lle daría nome, Pedro Vindel, atopou só portas pechadas ante as súas ofertas de venda, ata que en 1918 accedeu a mercalo o musicólogo Rafael Mitjana y Gordón. A Suecia, moi lonxe do seu probable berce vigués, é a onde foi a parar a peza, que pasou de man a man ata rematar na Morgan Library de Nova Iorque. Desde entón, o pergamiño non puidera ser visto en Galicia, ata que volveu cruzar o ano pasado o Atlántico para permanecer seis meses no Museo do Mar de Galicia.

Que chegue a facer da comunidade á súa residencia permanente é polo de agora, di Menéndez, tan só un soño. Tamén que chegue á propia Academia Galega, que ten hoxe "todas as pezas importantes" sobre a obra agás, ironicamente, o propio manuscrito. "Xa nos gustaría que quedase aquí, pero a RAG non ten medios agora, nin un local que reúna as condicións necesarias. Non digo que o pergamiño non poida volver a Galicia, pero a corto prazo é complicado", comenta a organizadora da exposición, que permanecerá ata o próximo 4 de maio no número 11 da rúa Tabernas. Alí poderá visitarse no terceiro andar, en horario de 09.00 a 14.45 horas e de 16.30 a 19.45 horas.