Unha fogueira de metais, luz e fume. Niso consiste a nova instalación deseñada polo coruñés Pepe Galán, que inaugurará esta tarde ás 21.00 horas a súa escultura na Fundación Luís Seoane. A obra, especialmente creada para o patio do edificio, mestura tempos e materiais a través de oito pezas de distintas épocas da vida do autor, que aproveita o seu novo traballo para denunciar as carencias da situación profesional que sofren os artistas na actualidade.

A creación de Lume e ferro, a produción queimada, supuxo para Galán un dobre reto. O responsable da obra tivo, por unha parte, que adaptarse a un espazo a partir da súa versión en maqueta, un proxecto que abordou a través da experimentación con elementos cos que nunca antes había traballado. "Foi complicado, pero tiña ese plus de risco que me interesa", conta o autor, que asegura que, no seu caso, "a renovación é inevitable".

O fume e a iluminación son os dous novos terreos que o coruñés conquista nesta peza. A instalación de Pepe Galán é unha obra viva, que tende pontes coa arquitectura a través de seis focos vermellos de luces LED empregados a modo de fío condutor. "O que intento é que acaben fundindo o fume, o metal e o espazo nun só corpo", explica Galán, que suma o ferro, o aceiro e ata varios parabrisas reciclados á súa lumarada. Todos eles sérvenlle ao artista para retratar a súa evolución ao longo de preto de corenta anos de carreira. As pezas de Lume e ferro fLume e ferro oron creadas en distintos intres comprendidos entre "os 90 e a actualidade", e percorren os intereses creativos de Pepe Galán "desde as teas e os volumes ata o ferro". A instantánea resultante a define o escultor como "un circuíto en espiral" da súa vida artística, "que nace nunha época e acaba" sendo parte hoxe dun novo proxecto. "As veces semella que certas pezas non teñen relación pero, cando se ven xuntas, coinciden", reflexiona o creador, que destaca por enriba dos elementos da instalación a mensaxe que trasladan cando se unen.

Noutras obras, Galán tratara cuestións como a dos refuxiados ou a catástrofe do Prestige. Agora, o artista fixa a mirada nos seus compañeiros de profesión para facer unha crítica da situación na que producen, e que non se atopa "equiparada" á do resto de traballadores. "Hai moito tempo da preocupación dos artistas por afrontar a súa profesionalización e a súa dignidade como creadores.Temos o dereito de ser tratados do mesmo xeito que o resto de traballadores da cultura", defende o escultor. A solución pasa, segundo Pepe Galán, por unha mellora das políticas culturais e pola activación do "código de boas prácticas" nas institucións", así como polo cambio do concepto que os propios artistas teñen de si mesmos. "Verte como un xenio é un grande erro. Sepárache de como se entende a forma de gañar os cartos", engade o autor.

As dificultades para conseguilos no mundo da arte por mor da crise foron un dos motivos que levaron ao coruñés a deter a súa actividade expositiva. "Unha situación como esta, na que no primeiro no que se recorta é no arte, quítache as ganas de producir", confesa o artista, que viviu ao longo de oito anos un "exilio" autoimposto. Con A volta dunha ausencia, a exposición da que forma parte a instalación da Fundación Seoane, Galán sae do silencio para volver sacar de novo as súas pezas á rúa, que estarán ata o 20 de maio no centro ferrolán Torrente Ballester.