Logo de 70 anos de vida, o Teatro Colón oculta máis dun segredo, e algún outro recuncho marcado polo paso da historia. Habitualmente agochados ao ollo público, os espazos máis escondidos do edificio da Marina abriranse a partir de mañá á cidadanía para compartir o seu cofre de anécdotas, así como a pegada que ten deixado o tempo nos seus usos e estrutura. As visitas, que se prolongarán durante todo o mes de maio, aproveitaranse tamén para poñer en valor á figura da coruñesa María Casares. As actrices Diana Sieira e Carmen Peñalver serán as encargadas de meterse na súa pel como guías da actividade, que contará cunha modalidade para público escolar.

Tanto a parte pública como a privada do teatro estará aberta aos asistentes de Descubre o Colón con María Casares. A visita partirá do vestíbulo, de onde pasará a zonas como o gardarroupa ou os camerinos, para internarse logo nas entrañas do Colón. Os almacéns, o foso da orquestra, a sala de ensaios e a caixa negra serán algunhas das paradas nesta parte do percorrido, que rematará cunha ollada máis de preto a espazos ben coñecidos polo público do teatro, como o escenario, o galiñeiro e o palco real.

"Antes falábase alí moitas veces durante o espectáculo, os hábitos teñen mudado moito", explica Sieira en alusión a esta zona dedicada aos espectadores, unha das moitas que cambiaron de uso cos ventos das novas décadas. Co paso do tempo, algunhas delas chegaron mesmo a quedar abandonadas. É o caso do ambigú e o gardarroupa, agora baleiros dos xantares e chapeus que adoitaban aloxar hai uns anos. "No pasado podíase comer no teatro, era un evento social. Tamén había ese protocolo de deixar a roupa ben gardada, porque a xente viña máis elegante, con sombreiro e bastón", conta a actriz, que asegura, porén, que os cambios do Colón non se deberon só á evolución do que se consideraba politicamente correcto.

As demandas dos espectadores, que "mudaron os seus costumes de consumo", tamén acabaron por modificar a súa actividade. Cando se construíu en 1948, o Colón "era un cine" cunha forte programación de proxeccións, que acabou desbotándose logo da reforma de1998. "Había filmes semanalmente, e mesmo sesións continuas nas que podías ver dúas películas polo prezo dunha entrada. Logo da reforma, habería só dúas proxeccións en 16 milímetros", di a intérprete en alusión á función cinematográfica do teatro, que continúa hoxe, aínda que en menor medida, en formato dixital.

As obras do 98 supuxeron, segundo Sieira, o maior lavado de cara do recinto. O teatro sufriu outras remodelacións, así como dous incendios na década dos 50 e dos 60, pero foi a finais dos 90 cando o edificio da Mariña deu o seu maior xiro. Respectando a súa estrutura á italiana, interveuse , entre outras cousas, o vestíbulo para facer os accesos máis amplos, e incrementouse o peine do teatro. O aumento da profundidade do escenario, plantexado na remodelación, quedou porén só en proxecto, debido á presencia das oficinas da Deputación xusto detrás. "Unha curiosidade é que, logo da reforma, a xente preguntaba por unha suposta lámpada de araña que había no teatro. Estaba no imaxinario do público, pero era unha lámpada que nunca existiu", conta entre gargalladas a intérprete, que afronta a difícil tarefa de dar vida a María Casares durante as visitas guiadas.

Facer un "calco" da actriz coruñesa sería, indica Sieira, "un traballo de meses". "Era unha xenia inimitable, unha muller con moito carisma, que reflictía todo na súa cara", asegura a artista, que se axudará, xunto a Peñalver, da caracterización estética de Yolanda Paz para facerse co rol. A través del, as intérpretes narrarán á vida da actriz exiliada en Francia, que chegou a converterse nun dos grandes nomes do teatro europeo. "Non falaremos só de feitos históricos, senón tamén de como os vivenciou. Das tripas e do corazón, que é o importante para coñecer a unha persoa", engade Sieira. A súa actuación poderá verse semanalmente no teatro ata o 29 de maio. A cada visita poderá asistir un máximo de 25 persoas, que xa poden adquirir as súas entradas na web do Colón.