Noticias | Agenda

Rosalía Fernández Escritora, presenta este xoves o seu libro 'Bonus Track'

"Queremos impoñer máis etiquetas das que realmente caben na literatura"

"Buscar esperanza nos libros é imprescindible. Refuxiámonos neles para saír de aquí e buscar outro lugar" - "En 'Bonus Track' hai un compoñente poético innegable"
01-05-2018 23:16
0 votos
A escritora Rosalía Fernández Rial. la opinión

A escritora Rosalía Fernández Rial. la opinión

Na converxencia. Alí é onde atopa sempre a súa obra a escritora coruñesa Rosalía Fernández Rial, que constrúe o seu último traballo no cruce entre a música e a novela. Bonus Track, un conxunto de relatos concibidos a partir de letras de autores como Bowie, Nirvana e Mercedes Peón, é o que presentará este xoves na librería Sisargas, onde estará a partir das 20.00 horas.

- Despois dunha obra eminentemente poética, atrévese agora coa narrativa.

-A verdade é que foi algo bastante natural. Xurdiu un pouco de repente, experimentando onde están os límites do poético e entre os xéneros. En Bonus Track pártese das letras das cancións. De aí xurdiron relatos que me levaban á narración, pero tamén é certo que hai un compoñente poético innegable.

- Non podía afastarse do lirismo?

-Non podía, pero tampouco quería [risas]. Desde o principio, algo que caracteriza a miña obra é a comprobación de que os límites entre os diferentes xéneros son relativos, que queremos impoñer máis etiquetas das que realmente caben na literatura. O mesmo sucede entre as diferentes artes, que están moi presentes en Bonus Track.

- É un libro sobre ese intre no que se toca fondo. Que lle interesaba desde momento?

-Gustábame explorar esa cuestión de como ás veces nos atopamos nunha situación límite, e parece que está todo perdido, pero de repente acontece algo que cambia a situación. Todos os relatos teñen en común a presencia destas personaxes as que parece que lles vai chegar a última oportunidade, pero que se atopan nun punto de inflexión na súa vida. Ese xiro inesperado ten que ver co propio título. Un cd acaba, e de repente aparece unha canción que non esperas. O bonus track.

- Dicía que o papel da poesía neses intres era o de dar esperanza. Atopou o mesmo rol na narrativa?

-Continúo a pensar iso, e creo que se pode facer extensible á literatura, se ben ese lirismo quizais sexa o que aporte ese compoñente de esperanza. Eu creo que buscar esperanza na literatura é imprescindible. Por que nos refuxiamos nun libro? Pois en grande medida na procura de esperanza, para saír de aquí e buscar outro lugar.

- A viaxe que vostede propón en Bonus Track está chea de música. Como influíu no proceso de produción da obra?

-A influencia foi absoluta. Maioritariamente me viñan cancións, soábame David Bowie na cabeza, por exemplo, e iso levábame a unha historia. As cancións leváronme alí e eu deixeime levar. Era como se, de algún xeito, as letras dos temas me sacaran a bailar e eu accedera. Ese foi o xerme do proceso creativo.

- Nirvana, Mercedes Peón? É un cóctel moi ecléctico.

-Gustábame moito xogar co tema da reprodución aleatoria. Porque creo que moitas veces a literatura e a vida funcionan de maneira azarosa, como un xogo. Creo que a relación coas cancións é esa. Venme ese tema, e teño que, a priori, establecer un xénero determinado e un estilo? Pois non, porque é un traballo creativo e eu creo moito nese deixarse levar.

- Na súa poesía tamén estaba moi presenta a música. Ata onde chega na súa obra a relación entre ela e a literatura?

-A atravesa por completo. O primeiro poemario que publiquei no 2009 titúlase En clave de sol, e leva o subtítulo Poemario musical. É curioso que, tanto tempo despois, o proceso me levara a atoparme outra vez de maneira tan explícita coa música. Desde logo, está en todos os poemarios. Eu creo que literatura e música sempre foron vinculadas, pero que a propia fala ten un ritmo, un ton, e a miña cabeza funciona moito con ese swing. É como se tocas un jazz no piano. O teclado do meu ordenador parece que se converte por veces nun instrumento, porque o proceso polo que me van chegando as palabras o asocio moito coa música.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook