Nesta décimo sétima edición do premios, o concerto que pechará a noite de gala da música de raíz contará coa dirección musical de Pedro Lamas. Será un concerto exclusivo, no que se escoitarán esas músicas que Lamas foi rescatando da historia co seu interese por investigar a músicos dos que pouco se sabe na actualidade. No escenario soarán temas con entidade propia, practicamente descoñecidos, que nos remiten a unha estética musical popular

- Que representa para vostede poder levar a escena o espectáculo Unha volta darredor ?

-Para min é un soño cumprido. Levo anos traballando na investigación e recuperación de música que quedou no esquecemento, especialmente na zona da Coruña e a súa área metropolitana. Son pezas con sabor a música popular. Poder montar este espectáculo coa banda de música Sementeira, que para min ten un referente sentimental, posto que o meu irmán comezou tocando con eles, é unha grande ocasión para realizar arranxos feitos especialmente para esa formación. Ademais, estar acompañados por amigos, músicos tradicionais que proveñen de diferentes concellos é un pracer. Resulta unha ocasión formidable para pór a proba como funciona ese repertorio con banda.

- Que pezas van interpretar?

-Collemos peza de cada concello (Sada, Miño, Bergondo, Cambre e Oleiros) que vai estar representado por músicos no escenario. Haberá un pouco de todo. Comezaremos cunha muiñeira moi orixinal de Lucas Moris, que ata podería ser a primeira vez que se toca en público. Na segunda van participar as voces das Lilainas. É un tema que aprenderon da súa avoa, que llela cantaba cando eran pequenas. Despois tocaremos unha polca que estaba no repertorio dos irmáns Mallo, que tiñan unha orquestra nos anos 30 na Coruña e mantiñan relación musical con músicos da contorna. É un tema de carácter popular no que salienta a interpretación do acordeón. Despois tocaralle o turno a un valse do repertorio de Antonio Mosquera, un home que me parece moi importante para a música tradicional e que é un descoñecido. Emigrou de Iñás a Nova York e alí exerceu como gaiteiro. Tocou no famoso Carnegie Hall e para o presidente Richard Nixon. En Estados Unidos gravou dous discos cun selo especializado na música latina. Contactei cun fillo e puiden facerme coas gravacións, que son pezas populares que el coñecía. Precisamente, o seu pai tocaba o acordeón e cantaba e Pedro Echevarría, quen foi director da banda da Coruña, realizou unha transcrición dunha peza del, que será a penúltima do concerto. Pecharemos con algo moi coral, no que estarán todos os músicos que participan no espectáculo e no que ten importancia un coro masculino. É coma un xeito de suite.

- Como foi o traballo dos arranxos das pezas?

-Escribín moito para realizar eses arranxos. Cada vez fago máis esta tarefa, xa que me chegan encargas variadas. É outra ferramenta profesional e agora case dedico tanto tempos aos arranxos como a tocar. O dos arranxos é unha aprendizaxe continua e experiencias como esta, ao ter que escribir para unha banda de música, son un exercicio para aprender máis rápido.

- Que tal foron os ensaios coa banda de música Sementeira?

-Foi todo fluído. Cando ía realizando os arranxos, Francisco Javier Vidal, o seu director, foime asesorando para que todo se axustase o mellor posible ao xeito no que eles están afeitos a traballar. Foi unha experiencia compartida e aprendemos mutuamente. As músicas que imos interpretar tíñaas dende hai tempo na cabeza.

- Será a sexta vez que suba ao escenario nos PREMIOS OPINIÓN. Que lembra das súas intervencións anteriores?

-Nos galardóns sempre tiven a ocasión de abrir perspectivas musicais novas. Fixen cousas especiais, puntuais, que me axudaron a crecer como artista. A primeira vez foi un concerto no que os compoñentes de Nova Galega de Danza compartimos escenario con Xabier Díaz e o dúo Espido que, co formato anterior dos premios, eramos os tres discos galardoados. Foi unha cousa que non se volveu facer máis. Despois participei no espectáculo que homenaxeaba a Milladoiro, algo moi especial por poder facer un arranxo dunha peza dun grupo referente da música galega. Con Untia foi unha ocasión de dar proxección ao traballo que facemos na Escola Municipal de Betanzos e ser o director musical de Axada, o grupo que se montou para os premios, é un privilexio. En Axada puiden contar cunha banda de luxo.