Un canto á esperanza e á Costa da Morte. Iso é o que constrúe Brais Morán en No Mato do desespero, o seu segundo traballo en solitario, no que invita aos ouvintes a sobreporse cun sorriso aos intres máis complicados. Coa súa mestura habitual de estilos e influencias, o músico coruñés fará soar mañá o seu novo repertorio na sala Garufa, onde estará a partir das 22.30 horas.

- Segundo disco en solitario, e volve cantarlle á Costa da Morte. Sempre a ten presente cando compón?

-A verdade é que si. É un recordo da infancia, porque a miña familia está vinculada coa zona de Ponteceso. As praias, o mato, o bosque? Neste traballo inspírome nesa paisaxe, máis que no cidadán.

- Retrata a natureza?

-A súa profundidade. Tamén é un disco moi ecléctico, porque fala de moitas etnias. Está África, está Brasil? Ten moitísimo do que eu fun facendo, ningunha canción se asemella.

- O que as une é o optimismo. Temas como Cando imos para ese lugar están feitos par sacar á xente á pista.

-A canción partiu dun ukelele, nunha praia, pero no vídeo a versión é diferente. Quixemos facelo con Tanxugueiras, Xiana Lastra e dúas bailadoras porque, aínda que ten un rollo moi étnico, detrás dese tema hai unha muiñeira, e un canto á Costa de Morte. Fala dos nenos, da igualdade, da liberdade? Isto ten que chegar, non só á Costa da Morte, senón á toda a xente, porque da unha idea positiva de vivir.

- En No Mato do desespero , porén, hai tamén oco para homenaxes e despedidas. Por exemplo, a Narf e a José Craveirinha.

-Si. No Mato do desespero é unha frase do poeta José Craveirinha. E Fran Pérez Narf, amigo infelizmente desaparecido, a emprega no seu tema Quero ser tambor. O que eu fixen foi unha homenaxe, pero levándoa ao meu terreo persoal. Eu chámome Brais Morán Mato. E no mato é onde quero construír ese berro de desespero.

- De onde ven ese desespero?

-O desespero ven de atrás, do que vés recollendo de momentos moi complicados. Vimos dun desespero musical, a situación na música está difícil, e é moi fácil que o artista desespere por non poder conseguir máis. O que che meten todo o día polas radios é reggaetón, éxitos de Los 40 Principales? Ás veces hai cousas boas, pero moi poucas, e hai moita xente que ten talento pero que non ten espazo.

- Onde queda Galicia nese panorama musical?

-No caso de Galiza hai artistas aos que lles está indo moi ben, hai xente moi boa. Pero tamén hai moita outra que traballa todos os días e non ten moito público. No meu caso non me podo queixar, este disco está tendo un recibimento marabilloso. E quizais sexa o traballo no que máis amosei a música galega.

- Faino xunto a Fran Sanz, o seu compañeiro en Loretta Martin. Canto hai dese pasado neste disco?

-Hai moito do funky que facíamos con Loretta Martin. Digamos que, neste momento, Loretta Martin está dentro de Brais Morán. O noso éxito Saio só pode soar en calquera directo destes.

- Non pensaron nunca en retomar o formato que tiñan?

-É que está aquí. Está Fran Sanz, estou eu... De baterías pasaron bastantes por Loretta Martin, aquí está Marcos Pazos, e está Manu Seoane nas guitarras. Se volvese Loretta Martin sería iso mesmo, e os temas que sairían non serían exactamente os de hai uns anos. Serían cousas coma estas.

- Acadar unha música máis persoal era un dos seus obxectivos á hora de encarar o seu camiño en solitario. Chegados a este segundo álbum, está a conseguilo?

-Persoal é sempre, pero quizais estas letras falen de cousas máis persoais. Neste hai cousas concretas, como un tema que lle dedico á miña avoa, que morreu o ano pasado. Pero o disco tamén está feito para que a xente o interprete. Ten esa idea de que hai cousas que están moi mal, pero que estamos aquí.