Coma unha árbore que se nutre de todo o que a arrodea, así falou onte a poeta Yolanda Castaño, na presentación da XVII edición da gala dos Premios Opinión da Música de Raíz, das melodías que foron rescatadas do esquecemento e que se manteñen con vida séculos despois de teren sido compostas e que aínda hoxe se aprenden, se cantan e bailan.

Foi unha noite na que Uxía -que está en Asia, polo que non puido asistir á gala, que se celebrou no teatro Rosalía de Castro- gañou todos os premios da competición: O de mellor artista, tamén o de mellor tema orixinal, por Fiandeira, que compuxo con Sergio Tannus, e o de mellor disco, polo seu traballo Uxía-O, Uxía-Ono que lle pon voz e sentimento aos poemas de Uxío Novoneyra.

Foi, precisamente, o fillo do autor, Uxío Novo, quen se encargou de subir as tres veces ao escenario do Rosalía para agradecer estes premios que, este ano, levaban a sinatura do escultor Javier Gaztañaduy Martín.

42

Premios Opinión da Música de Raíz

Por se gañaba nalgunha categoría -non esperaba facelo nas tres, segundo explicou Novo- Uxía enviou unha mensaxe de agradecemento, unha mensaxe na que lembraba "a todas as mulleres que fan música", tamén á xornalista Ana Romaní, que vén de saber que o seu Diario Cultural, da Radio Galega, perderá o seu formato e que a súa información estará espallada noutros programas da grella, logo de case trinta anos de vida. E sonaron, inevitablemente, os versos de Novoneyra na voz do seu fillo: "Non, a forza do nos amor non pode ser inútil", dixo para se despedir logo de ter recollido o primeiro galardón da noite no nome de Uxía.

Acordáronse tamén tanto Yolanda Castaño como Novo da desaparecida artista plástica Berta Cáccamo, que faleceu onte de xeito repentino.

Porque si, foi unha noite de música, mais tamén de poesía, de versos que, xuntos, conforman coplas e maneiras de expresarse diferentes, herdadas de persoas que non permitiron que se perdesen.

Foi unha noite para lembrar os que xa non están como a Fran Pérez NARF, a quen a cantante Najla Shami dedicou un dos seus temas e tamén para honrar a todas aquelas persoas que exerceron na súa vida de cofres nos que as melodías herdadas atoparon acubillo e boas condicións para a súa conservación, como os informantes dos que o músico Pedro Lamas recolleu algunhas das pezas que sonaron onte no escenario do Rosalía interpretados pola banda de música Sementeira de Cambre e polos colaboradores -vidos dos concellos de Bergondo, Sada, Miño, Cambre e Oleiros- e que puxeron en pé o espectáculo Unha volta darredor.

Acordáronse onte tamén os participantes na gala do gaiteiro Antón Varela, recentemente falecido e que estaba proposto para gañar o premio a mellor artista, xunto con Uxía e o contrabaixista Álvaro Iglesias. Un galardón que recolleu Novo para Uxía.

Na que foi a edición previa á maioría de idade da gala, Miro Casabella recibiu o galardón que recoñece unha vida dedicada á música de raíz, a facer que non morra a tradición e que as melodías tradicionais atopen un punto de encontro con outras músicas e con outras latitudes, o Andaina Senlleira.

Casabella, que naceu en Ferreira do Valadouro, lembrou que leva "case toda a vida" dedicado á música, nada máis e nada menos que 55 anos, que cantaba de pequeno cancións tradicionais, que con quince anos aprendeu música e que foron "moitos" os atrancos que se lle puxeron no camiño, uns obstáculos que fixeron que moitos outros compañeiros abandonasen a súa carreira e que optasen por outros camiños, por un futuros afastados do compromiso social feito música e tamén da poesía, de coller os sentimentos doutro para facelos propios e poder cantalos e facelos accesibles a quen senta do outro lado do escenario. Casabella quíxolle dedicar onte o galardón á súa parella e ás súas fillas que, desde hai tantos anos, o escoitan "ensaiar, probar e cantar".

O ano que vén, para celebrar que os premios acadan a maioría de idade, a organización incorporará unha categoría máis na competición, a que distinguirá á mellor adaptación dun tema tradicional. Esta gala contou coa colaboración do Concello da Coruña, a Xunta, do Concello de Cambre e de Gadisa.

Esta nova categoría xorde da necesidade de ampliar o espectro dos premios cando a música galega avanza e percorre o mundo, porque a música de raíz é algo máis que a tradición, a intérprete Najla Shami, subiu onte ao escenario para amosar que se pode cantar en árabe ou en portugués con acento galego, porque todos somos un pouquiño de cada lado do mundo. Shami, de pai palestino, interpretou un tema do folclore do seu país, un tema que, como tantos outros noutros lugares do mapa e do tempo, falan das mulleres que quedan nas vilas cando hai un conflito e as súas parellas marchan combatir.

"Fala da resistencia palestina, de cando Palestina era unha colonia de Gran Bretaña. os homes escapaban á montañas e as mulleres mirábannas e preguntábanse se algún día voltarían", introducíu Najla Shami o tema que conecta as súas dúas raíces.

Tamén son tradición o trío EntreCañas, que debutaron onte no teatro Rosalía de Castro, cos seus fagots, os seus arranxos de temas galegos e tamén a súa interpretación dun valse que foi composto para este instrumento de vento e metal, pero que sona a polca que se podería bailar no torreiro de calquera festa.

E, para pechar esta gala na que estiveron presentes a poesía e as lembranzas dos que xa non están, subiron ao escenario os membros da banda de música Sementeira, de Cambre, e os artistas convidados que exerceron de embaixadores da memoria da comarca, baixo a batuta do director Francisco Xavier Vidal e coa dirección musical de Pedro Lamas, que onte tocou tamén a gaita nalgúns dos temas. Así saíron do esquecemento unha muiñeira de Lucas Moris, unha peza que a avoa das cantareiras que forman Lilainas, Julia Anido, lles ensinou cando eran pequenas, en Punta do Porco, no Concello de Miño.

Volveu tamén o acordeón a facer festa, como cando o tocaban os irmáns Mallo, alá polos anos trinta en todas as festas da comarca, e sonou en público unha das pezas que o emigrado Antonio Mosquera gravou cando vivía en Nova Iorque. O valse que interpretaron os músicos de Sementeira -xunto aos solistas do espectáculo- foi Viuda alegre, e sonaron tamén as voces masculinas na Troula de Sada, unha mestura de varias muiñeiras recollidas todas neste concello.