Dicía dela que era só unha señora que paseaba a dous cans preciosos. Que era galega, malia ter nacido en plena Estremadura, e que sen os seus " cachorros"-como chamaba aos alumnos aos que daba clase tanto en Lugo como en Sanxenxo e Pontevedra- non podía vivir. A eles ensináballes a amar as letras e a literatura mediante funcións e recitais apaixonados, e tamén a lingua, na que non deixou de escribir desde ese primeiro Mar adiante. "Algúns din que non é de aquí, pero é máis de Galicia ca moitos galegos", afirma con rotundidade Gena Baamonde, directora da representación sobre María Victoria Moreno que chega este mércores ao teatro Colón (20.30 horas).

Baixo o nome de Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, a obra terá lugar a só unha xornada do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora falecida no 2005. A compañía de Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo, Matrioshka Teatro, unirase á homenaxe cunha peza de creación contemporánea, que evita caer na biografía para falar dos temas máis presentes no seu traxecto vital. "Falamos de mestras de vida, de persoas que guían a outras e de creatividade", conta Baamonde, que pretende "dar a coñecer a amplitude" da obra da escritora coa súa representación.

O seu proceso de creación veu da man dunha "documentación exhaustiva", na que púxose de manifesto a dificultade de recuperar con exactitude a memoria da autora. "Entrevistamos a xente que a coñeceu, como a súa filla, o seu compañeiro ou Fina Casalderrey, pero cada un lembraba a unha María Victoria Moreno distinta", comenta a directora, que recoñece, porén, que "existen puntos en común" en todos os recordos.

Un deles é a defensa que a escritora realizou en prol do galego. O seu idilio co idioma comezou arredor dos anos 60, cando a estremeña aprobaba unhas oposicións de profesora que lle levarían ao Instituto Masculino de Lugo. Ao Feminino de Pontevedra chegaría máis tarde, en 1967, para quedarse xa o resto da súa vida dentro dunha comunidade que transformara na súa casa. "Non se sentía de fóra, e non lle foi difícil aprender o galego. Dicía que estaba totalmente namorada do idioma", lembra Baamonde, que asegura que o seu "compromiso" coa lingua valeulle algún que outro problema.

O seu activismo en plena ditadura, e as súas clases a mestres cando aínda alumeaban os rescaldos do réxime a comezos da década dos 80 "non estaba ben visto en determinados círculos", e provocou que chegaran a retirarlle o pasaporte. Porén, Moreno continuo o seu romance coa lingua, así como as súas ensinanzas aos máis novos, aos que facía "amar a literatura" coas súas extravagantes leccións. "Paraba de súpeto a clase e poñíase a recitar un poema, ou daba a oportunidade de facer unha pequena representación", conta a Baamonde sobre a mestra, rescatando as lembranzas da que fora unha das súas alumnas, Lorena Conde.

Defende a directora que tanto a mestría vocacional de Moreno como a súa escrita para os rapaces merecen o seu recoñecemento no Día das Letras Galegas. A escritora será só a cuarta muller galardoada con esa distinción na historia do festexo, un tema que Matrioshka Teatro quixo abordar na súa representación. "Houbo literatos que cuestionaron a súa figura, dicindo que había outros que o merecían máis. Resulta curioso, porque non sei con que tipo de argumentos se pode soster que só catro mulleres mereceran ser homenaxeadas nas Letras Galegas. Semella que non se queren dar de conta de que os tempos son chegados xa para cambios".