Museos hiperconectados: enfoques novos, públicos novos é o lema baixo o que se reunirán este venres as salas expositivas con motivo do Día Internacional dos Museos, dedicado a celebrar o traballo dos centros e a súa contribución á arte. O festexo, que sumará a máis dunha decena de espazos culturais da Coruña, contará cun programa cheo de actividades para todos os públicos, que se alongarán ata o sábado da man da Noite dos Museos.

As visitas guiadas, e a ampliación do horario de apertura será a aposta maioritaria da xornada. Con ela conmemorarán a data centros como Afundación, o Museo de Arte Sacro de la Colegiata de Santa María ou a Fundación María José Jove, que realizarán percorridos polas pezas das súas coleccións ao longo do día. A partir das 20.00 horas, o edificio do Cantón Grande ofrecerá un itinerario pola retrospectiva Jorge Castillo. A visión dunha obra. Antes, ás 11.30 horas, a Fundación María José Jove decantarase por unha ruta participativa,na que se promoverá a conexión dos visitantes coas obras a través de aspectos sensoriais.

O Aquarium Finisterrae, a Domus, a Casa das Ciencias e a Torre de Hércules sumaranse tamén ao festexo cunha xornada de portas abertas. O mesmo fará o Museo de Belas Artes, que ofrecerá visitas a súa colección permanente desde as 18.30 horas, así como a estrea do espectáculo Temor a contratempo. O proxecto, enmarcado na terceira edición da iniciativa Audio+Visual de Sen Ánimo de Nome, mesturará desde as 20.30 horas o traballo musical e as imaxes dos artistas galegos Zayrus Selector Odeón e Javi Alvedro, que reflexionarán coa súa obra sobre cuestións como o medo e o paso do tempo.

Non moi distintos serán os conceptos protagonistas de Mirasons, a instalación sonora do programa da Fundación Luís Seoane. Como parte das actividades do Resis Festival de Música Contemporánea, o espazo proporá unha tarde para as artes audiovisuais da man do colectivo Pasax3s, que tratará na súa peza a idea do tránsito e as expectativas desde ás 20.00 horas. A proxección da película de María Ruido, Le rêve est fini, seguirá ao espectáculo ás 20.30 horas, dando paso ao concerto- perfomance Sinais, xogos e mensaxes. Visións do 68 (20.45 horas), no que o violinista Florian Vlashi e a cantante Eva Vieites interpretarán versos de Seoane e obras de compositores como Iannis Xennakis e György Kurtág.

A proposta da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán terá, pola súa banda, tamén danza, teatro e un oco na súa xornada pensada para os máis pequenos. A programación comezará ás 18.00 horas co obradoiro de descubrimentos Tic Tac Cluedo. Onde están as mulleres no Museo?, que impartirá Neves Seara para nenos entre 6 e 12 anos. Logo do acto infantil, o Conservatorio Profesional de Danza da Deputación tomará o relevo para realizar a coreografía de Armando Martén, Instantes, a partir das 19.00 horas. Á mesma hora e ata media noite terá lugar a proxección do filme de Romina Casile A inquietude das cousas, que se poderá gozar en paralelo ás sesións de microteatro que ofrecerá en quendas de 15 minutos a compañía Casa Hamlet.

Entre todas estas actividades dos espazos culturais, desmarcarase este venres a iniciativa do Museo de Arte Contemporáneo. Baseada na mostra de Muntean y Rosenblum This is not an exit, o centro festexará o Día dos Museos cunha tarde de iniciación ao parkour, na que xóvenes desde os 12 anos poderán aprender os movementos básicos da disciplina da man de profesionais de Vella Escola. As leccións -de acceso libre- levaranse a cabo desde as 17.30 horas en grupos de 15 persoas, que pecharán cos seus percorridos a xornada do venres.

Noite dos Museos

Non serán poucos os centros museísticos que alonguen o festexo ata o sábado. Como parte da Noite dos Museos, as casas Casares Quiroga, María Pita e Picasso acollerán desde as 12.00 horas visitas guiadas de forma ininterrompida, que se complementarán nas prazas achegadas ( Campo da Leña, As Bárbaras e praza de Pontevedra) cun photocall temático e un obradoiro no Aquarium e no Museo Arqueolóxico. Especial relevancia terá a aposta de Belas Artes, na que terá lugar unha verbena final.