Pasaron séculos desde a súa primeira posta en escena, pero a súa vixencia e notoriedade mantense intactas. "É un texto canónico dentro da Commedia dell'Arte. Ten un nivel de excelencia extremo", asegura sobre O servidor de dous amos Diego Rey, responsable da nova versión que pisará esta tarde o teatro Rosalía. A partir das 20.30 horas, o artista de Talía Teatro presentará na cidade a súa actualización das verbas de Goldoni, que adáptanse aos novos tempos coas intrigas que sempre levou consigo a ambición. Mentiras, apariencias e loitas de poder vístense na peza de traxe e gravata para retratar as pozas máis escuras da nosa sociedade, coas que a compañía pretende invitar tanto á risa como á reflexión.

A estrutura da peza orixinal, e o seu protagonista, "que serve a uns e a outros", continúan como epicentro na nova peza teatral. Consérvanse tamén as motivacións das personaxes, que buscan medrar sen importar o turbio que sexa o camiño cara a cúspide. "A obra fala de estar dispostos a todo, de como a mentira leva a avanzar na sociedade", explica o director, que atopou en empresarios e políticos os "referentes modernos" da ambición.

A instantánea da sociedade renacentista italiana, que capturaba Goldoni a comezos do século XVIII, convértese no texto de Rey nun reflexo acedo das altas esferas actuais. Os contratos matrimoniais da peza do italiano trócanse en contratos públicos para narrar a historia de Eduardo Rocancourt e o seu socio, Ferdinand Demara, acusados de tráfico de influencias e evasión fiscal logo de recibir o proxecto de construción dun novo hospital. "Na versión hai políticos e empresarios asociados por enriba da lei, empresarios que son pillados e foxen da xustiza... Son situacións que vemos todos os días, e que son moi recoñecibles para o espectador", di o director, que inspirouse na "impunidade" das personaxes de Goldoni para a nova deriva económica da peza.

Foi o final feliz, "sen prexuízos" para os que están "dispostos a mentir para conseguir o que sexa", o que levou a Rey a mirar cara a actualidade. "A pesar dos enganos, todos gañan. Iso levoume a pensar en hoxe, onde da igual o que pase politicamente, non hai repercusións", conta o director, que quixo que o dobre fondo das personaxes non quedara só na súa actitude, senón tamén no seu vestiario. Na adaptación de Talía Teatro, os actores locen extravagantes perrucas e maquillaxes, unha apariencia tan artificiosa como as súas palabras. Os seus xestos, baseados en bailes como o tango e o valse, tamén son esaxerados, de xeito que amosen aos que "non se mostran como son" e "se agochan nas formas para tratar aos demais".

Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado e María Ordóñez son algúns dos intérpretes que constrúen este xogo de caretas en escena, ao que se suma o director a través dos papeis máis "fugaces". En total, é todo o elenco da compañía o que participa neste espectáculo de Goldoni, que a agrupación quere aproveitar para festexar o seu trinta aniversario. "Queríamos unha montaxe que nos permitise estar todos no escenario cunha premisa: pasalo ben e facer pasalo ben", explica Rey, que asegura que, aínda que está construída sobre a "argamasa da crítica social", a obra atópase moi lonxe de ter intencións didácticas. "Non hai moralidade, nin intención de educar ou dicir como deben ser as cousas. Nós expoñemos. A partir de aí, que cada quen saque a súa reflexión", conclúe.