Cinta illante, unha bandeira estadounidense e moito humor. Iso e todo o que precisa A Panadaría para dar vida aos saloons e o deserto de Pan! Pan!, o seu primeiro espectáculo, que a compañía recupera como parte do I Festival Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade Elas Son Artistas. A peza, unha parodia dos clásicos westerns americanos, estará esta noite ás 21.00 horas no Garufa Club, onde as intérpretes recrearán unha persecución de indios e vaqueiros coa que prometen máis dunha gargallada.

Acompañada de música orixinal, e coa habitual proposta minimalista da formación, A Panadaría tocará en Pan! Pan! todos os tópicos do xénero. Os ranchos, os duelos, o whisky e as vinganzas non faltarán nesta representación teatral, na que o grupo narra a historia de Harry (Noelia Castro), un cowboy que cruza o deserto para recuperar a súa namorada, secuestrada polo indio Peito Lobo (Ailén Kendelman). "O western é moi coñecido en Galicia por todas as películas que se dobraban ao galego. Nós dámoslle a volta a todo, comezando polo feito de que somos tres mulleres en escena, cando son filmes nos que dominan os homes", conta a actriz Ailén Kendelman, que define a obra como "unha reivindicación do teatro sen artificios".

Pan! Pan! caracterízase, como todas as pezas da compañía, pola sinxeleza. Os escenarios nos que se desenrola a trama non son fronteira algunha para o grupo, que reproduce a viaxe de Mississippi a Arkansas do seu protagonista cunha bandeira e un cadrado delimitado no chan. "Decidimos que non ía ter escenografía. Era importante que o público fora parte activa do que facemos, ten que completar o que está a ver", explica Kendelman.

Nas mans da intérprete, a bandeira estrelada convértese en pano, mandil ou parte dunha cadeira de montar. A versatilidade da tela xoga un papel fundamental ao longo de toda a peza, que conta ademais cun acompañamento musical creado especialmente para a ocasión. A busca de Harry a amenizan as cancións firmadas por Kendelman que, de novo baixo un corte cómico, interpretan as tres actrices nesta caricatura do oeste. "É música vocal con percusión corporal. Recreamos as bandas sonoras destas películas, para dar forma á atmosfera do far west", comenta a autora.

As súas letras merecíanlle no 2015 a nominación á Mellor Música Orixinal nos María Casares. Pouco despois da súa estrea, a peza facíase tamén con galardóns como o Premio da Crítica Galicia ou o primeiro premio Xuventude Crea, que animaba ás artistas no seu debut a converterse nunha compañía profesional. " Pan! Pan! ía ser microteatro, pero as bases do Xuventude impulsounos a aumentalo", confesa Kendelman, que se atopaba coas súas compañeiras nunha lectura dramatizada en Ribadavia. Era entón cando xurdía a sintonía entre as tres intérpretes, que lanzaban ao mundo o seu "primeiro boliño" sen máis pretensións que a de "facer teatro". A obra, que desde aquela non teñen deixado de interpretar, marcaba o selo das seguintes funcións que levarían a escena, entre as que destaca a súa versión da historia do primeiro matrimonio homosexual de España, Elisa e Marcela.

Para Elas Son Artistas, porén, o grupo ten preferido lembrar os seus inicios. A Panadaría resalta a iniciativa da sala Mardi Gras, que busca desde o xoves visibilizar a figura da muller dentro da industria artística. "O festival é unha marabilla. Hai que amosar que hai mulleres artistas en todos os ámbitos", apunta a actriz da compañía, que aposta sempre por "grupos íntegros de mulleres" tanto no escenario como no "equipo técnico". "Semella que temos que demostrar moito máis que un home. Hai que loitar por ser iguais de valoradas", conclúe.