A música de Bob Dylan, Elvis Presley e Siniestro Total acada esta tarde unha nova dimensión da man do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), que viste de música orquestral a estas figuras do pop e do rock no seu Pop Re-Visited. O espectáculo, no que participarán máis dunha decena de músicos conducidos polo director Diego García Rodríguez, repasará desde as 20.30 horas varios dos éxitos máis coñecidos dos artistas, traducidos pola formación á música contemporánea a través das partituras de compositores como John Corigliano, Michael Daugherty e Javier López de Guereña.

O traballo do músico bilbaíno será o primeiro en soar. A súa suite sinfónica, Visita turística a The Land of Opportunity, abrirá o concerto cunha versión contemporánea de varios dos temas de Siniestro Total, a que dará vida un ensemble de sete músicos. Trátase dunha peza nacida dun proxecto do propio TAC, que invitaba hai uns anos ao grupo de Julián Hernández para darlle unha volta de torca as súas cancións desde o punto de vista contemporáneo. "Foi un proxecto conxunto, no que tocabamos música deles, pero cambiada. De alí estrenouse esta suite, un resumo de dez minutos composta por Guereña", explica o cofundador do TAC, Luis Soto.

Na súa busca por unha música "pouco habitual", o taller ampliou o repertorio logo da experiencia, e sumou novos artistas. Así é como artellou o seu Pop Re-Visited, no que tamén hai oco para dous "mitos da historia" da música como Elvis Presley e Bob Dylan. "É unha obra marabillosa, ademais de moi divertida e trepidante", explica Soto sobre Dead Elvis, a peza realizada por Daugherty sobre o cantante estadounidense. Nela, o rei do rock "personificarase" por medio do fagot nun concerto para ensemble de cámara, na que o solista e membro da Sinfónica de Galicia, Álex Salgueiro, fará lembrar ao público as cancións máis coñecidas do artista.

Non a súa música, pero si as súas letras, será o que revivan as sete cancións firmadas por Corigliano. Interpretada pola soprano Ingrida Gápova, a última das actuacións do ciclo emprega os textos que o Nobel de Literatura cantaba no seu Mr. Tambourine Man, e que sirven de base a creación dunha música totalmente orixinal. "Escribiuna sen escoitar a Dylan, pero as letras son a súa esencia", comenta Soto, que asegura que "o resultado final" do espectáculo "vai acorde" coa "calidade" dos músicos.

Gran parte dos membros do Taller Atlántico Contemporáneo proceden de agrupacións tan relevantes en Galicia como a Orquesta Sinfónica ou a Fiharmonía. No seu proxecto no TAC, os intérpretes apostan pola introdución de novos elementos na música, na que apostan agora por unha das poucas fusións que se teñen feito entre rock, pop e creacións contemporáneas. "Desde The Yellow Shark non se fixo nada semellante", afirma o cofundador do taller, que agarda que este tipo de mesturas animen ás formacións a ampliar os seus repertorios, e aos grupos de pop "a inspirarse noutras linguaxes".

Nas que se empregan en temas xa inmortais, como os de Presley, Soto ve a pegada da música contemporánea. "As cancións de grupos como Deep Purple o Pink Floyd estaban moi elaboradas. O contemporáneo apunta ao uso desa estrutura complexa e de letras máis complicadas", explica o músico, que asegura que o público destes xéneros descubrirá no concerto que "hai un fondo no rock e no pop".

Pop Re-Visited servirá tamén para fuxir das reticencias que adoitan espertar as composicións contemporáneas nos espectadores. O grupo de Soto ten como filosofía "descubrir outra dirección na música sen facer fuxir ao cidadán común", ao que o taller agarda librar das súas reservas. "O noso obxectivo é que, se tiñan algún prexuízo, vexan que non hai motivo para telo. Falamos da música actual, a que nos rodea", conclúe o intérprete.