Hai un século xa existía Gran Hermano. O facía nas aldeas, onde as persoas eran poucas e, as historias entre elas, ben sabidas e compartidas por todos. "O reality sería a aldea da época actual", asegura Xesús Ron, líder de Chévere e da nova adaptación de Valle-Inclán impulsada polo Centro Dramático Galego (CDG). Na súa versión de Divinas Palabras, o director troca a vila do pontevedrés por este coñecido formato televisivo, no que un grupo de xente convive nunha casa exposta as 24 horas ás cámaras. Co cambio, Ron pretende "traer á actualidade" a obra do escritor, que poderá gozarse cunha nova mirada hoxe e mañá ás 20.30 horas no teatro Rosalía.

" Divinas Palabras Revolution é unha adaptación libre. A idea era ver se a obra, que se estreou en 1933, seguía tendo vixencia pola súa historia", explica o director. Para iso, Ron conservou o groso da trama, pero dotou a peza dun novo contexto, máis familiar para os espectadores do século XXI. O interior dunha casa, chea de pantallas e retransmitida constantemente en directo para o público, foi a escena escollida polo líder de Chévere, que buscaba amosar a "transformación social" acontecida desde a época da peza orixinal. "A obra localízase en exteriores, pero é imposible recuperar ese contexto. O destruímos, deixamos que se estragara. O medio rural está abandonado, os campos xa non se cultivan e os bosques están queimados", lamenta o director, que mantén o retrato das "miserias humanas" proposto por Valle-Inclán.

Ao igual que na obra do vilanovés, sucédese neste Revolution todo un abano de avaricia, luxuria e "relacións viciadas". Aglutínanse neste caso en torno á morte de Xoana, nai dun neno con diversidade funcional, cuxa custodia reclaman por interese a irmán e a cuñada da falecida. "É unha obra dura", recoñece o director que, logo da experiencia de adaptala, asegura que representar Divinas Palabras "é unha temeridade".

O principal reto para versionala foi a linguaxe. O escritor pontevedrés emprega na súa peza unha colección de "arcaísmos" da época, que converten o relato nun texto "rebuscado" e "difícil de ler". No proceso de traballo, o equipo de Ron tivo que desenredar todo aquel entramado de xiros, e depuralos para artellar unha proposta na que permanece o "70% do texto orixinal", aínda que enfocado desde o prisma do "espectador medio". "Moitas veces o teatro convértese nun produto cultural, moi pechado sobre si mesmo e cunha distancia co público. Nós quixemos facilitar a comprensión", di o membro de Chévere, que comprobou, logo da estrea, que a peza segue continúa a remover a quen a observa.

De Divinas Palabra Revolution a xente "sae moi tocada". Algúns tamén o fan indignados, coa rabia que lle bule a un por dentro cando pensa que se ten intervido o que ata entón era sagrado. "Valle-Inclán estivo moi sacralizado na cultura española, e hai quen pensa que o noso achegamento é humillante para a obra", recoñece Ron, que asegura que é "a primeira vez" que a peza ten un "tratamento" como o que eles propoñen.

O idioma, en galego, tamén é unha novidade. A versión de Ron trátase da primeira adaptación á nosa lingua da traxicomedia de Valle-Inclán, coa que o Centro Dramático Galego pretendía comezar a súa andadura alá por 1984. "Intentouse poñer en escena como primeira obra, pero os herdeiros non deron o seu permiso para que se traducise ao galego", explica o director, ledo de que, co pasamento dos dereitos, poida empezar a normalizarse "unha anomalía histórica". "A peza fala de Galicia, de nós. É importante que poida formar parte da escena galega na nosa lingua".